O Festival de la Luz acolle un escenario de talento galego

Unha sesión de traballo da aceleradora.
As propostas de Paraíso Canto, Samudra Trío, Zeltia Irevire, De Ninghures, Adrian Timms, HYDN, Ani Baires, Helena Egea, Law e Mondra chegarán ao festival os vindeiros 26 e 27 de agosto.

O Festival de la Luz (Boimorto, comarca de Arzúa), acollerá as actuacións de dez proxectos musicais galegos integrados no programa Sonemerxente. As actuacións programaranse durante o sábado 26 e o domingo 27 de agosto Por él pasarán  as bandas e solistas Paraíso Canto, Samudra Trío, Zeltia Irevire, De Ninghures, Adrian Timms, HYDN, Ani Baires, Helena Egea, Law e Mondra. 

Estas propostas escollidas para participar na aceleradora de proxectos compartirán cartel con artistas galegos, estatais e internacionais como Viva Suecia, Vicco, Rayden, Heredeiros da Crus, Ladilla Rusa, Roi Méndez, Ona Mafalda, Luar na Lubre ou Reincidentes. 

O Escenario Sonemerxente é unha aposta polo talento emerxente galego a través dunha proposta que impulsará o directo e a profesionalización dos proxectos. A aceleradora de proxectos musicais Sonemerxente está a impulsar na actualidade as propostas de dez bandas e artistas que foron seleccionados para participar nesta iniciativa da Xunta de Galicia que xestiona a Fundación Paideia Galiza e que conta co financiamento dos fondos NextGeneration da Unión Europea dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

 

 

Impulso en dúas etapas

O conxunto de participantes en Sonemerxente viven unha experiencia de impulso e dinamización estruturada en dúas etapas. 

A primeira delas, centrouse en sesións individuais e colectivas de mentorización ao redor de asuntos capitais como son a produción, promoción ou modelo de negocios. 

A segunda parte dedícase á participación dos artistas en circuítos de concertos, festivais, encontros con medios e asistencia a mercados profesionais. 

No pasado, o Festival da Luz foi criticado por non empregar a lingua de maneira oficial e por non programar grupos ou solistas que se expresasen en galego.