Contracultura

Samudra Trío: "Hai moitos prexuízos dentro da industria musical á hora de dar oportunidades á clásica"

Jimena Andión, Yamini Teresa Prabhu e Laura Lorenzo son as integrantes de Samudra Trío, un grupo de música clásica que vén de publicar o seu primeiro traballo, Odisea. Andión, Prabhu e Lorenzo abordan as dificultades que presenta a industria musical ante o xénero clásico, mais tamén das que atopan na academia como mulleres novas coa idea de introducir compositoras non europeas nas súas referencias, xa que, como elas din, “aínda queda moito traballo por facer”. 
As integrantes de Samudra Trío son Jimena Andión, Yamini Teresa Prabhu e Laura Lorenzo (Foto: Cristina Padín).
photo_camera As integrantes de Samudra Trío son Jimena Andión, Yamini Teresa Prabhu e Laura Lorenzo (Foto: Cristina Padín).

Cal está sendo a acollida de Odisea despois do traballo realizado?

Jimena Andión: Penso que quizais tiñamos unhas expectativas difusas e baixas, porque está sendo moito mellor do que esperabamos, e máis tendo en conta que foi un traballo autoproducido e autoxestionado. 

Laura Lorenzo: As tres estamos moi contentas en xeral porque estamos recibindo moito agarimo e non soamente de persoas que xa viñan escoitarnos de forma habitual, senón tamén doutra xente que non sabíamos que lle podía gustar o que facíamos polo que tamén está a ser un modo de coñecer público potencial de Samudra.
Yamini Teresa Prabhu: Queríamos amosar unha música diferente porque, ao movernos polos ámbitos académicos da música clásica, o que se adoita tocar, escoitar e empregar para a formación é a música de sempre, europea e dunha época moi concreta. Este disco é o reflexo da razón pola que nos xuntamos: para amosar cousas distintas e para pasalo ben. 

J. A.: Claro, as nosas influencias son fundamentalmente da música europea porque é o que levamos escoitando e estudando desde pequenas e precisamente por iso estamos intentando saír deste marco e ampliar os horizontes.
 
Os concertos e as presentacións do disco tamén saen do circuíto habitual da academia.

Y. T. P.: Combinamos eses espazos máis normativos con outros alternativos porque para nós é importante achegar a música clásica a todos os públicos. Co trío, decatámonos de que hai moito prexuízo no que respecta a este tipo de música, porque hai moitas persoas que pensan que teñen que estar formadas para escoitala ou que é unha música da elite. 

L. L.: E non só as persoas en xeral, senón tamén desde a programación á hora de concertar este tipo de eventos. Hai moitos prexuízos dentro da industria musical para darlle unha oportunidade á clásica. 

Y. T. P.: Claro, sempre se pensa que non vai funcionar. Por sorte, contamos con persoas que si que queren apostar por isto como Gustavo Rey ou Espazo X (Santiago), mais aínda queda moito traballo por facer. É difícil explicarlle ás persoas que programan os eventos que si que funciona, porque nós acostumamos a encher sempre os nosos concertos e a xente sae cambiada e con ganas de escoitar máis. 

Teñen algún novo obxectivo ou proxecto para o futuro?

L. L.: Odisea como disco é o resumo de tres anos de traballo desde que se creou Samudra Trío, foi unha recollida do que máis nos representa. Vémolo como un punto final, mais tamén como un punto de partida para o seguinte. Agora, o principal é darlle visibilidade ás mulleres compositoras, tamén de fóra de Europa. 

Y. T. P.: Temos algunhas colaboracións, mais aínda non podemos contar nada. Está pasando unha cousa moi fermosa: hai persoas ás que admiramos moito e que se están a pór en contacto connosco, cando non podíamos nin imaxinar estar traballando con elas. Temos moitas ganas de comezar con todo. 

J. A.: Neste sentido, a sorpresa polo Premio Martín Códax foi moi grande e moi especial para nós. É importante que se valore o traballo de tres mulleres que non teñen moitísima experiencia nin anos de traballo, que se xuntan simplemente para tocar xuntas. Moitas veces pola cuestión de ser novas trátasenos como a nenas, non se nos toma en serio.

L. L.: Aínda temos moito traballo, e máis no mundo da música clásica, por iso o premio foi como un empurrón para nós, unha motivación para seguir. Por outra banda, Odisea moveuse até o de agora só pola Galiza, mais a partir deste mes estamos programando concertos fóra e estamos moi emocionadas por ver que tal funciona a nosa música fóra da terra.

Comentarios