O festival Guerrilla reivindica o compromiso social e político da cultura

Esta fin de semana o conflito do Sáhara será o principal protagonista.
Pepe Viyuela recupera en Guerrilla o seu espectáculo 'Encerrona', que o consagrou en todo o Estado.
photo_camera Pepe Viyuela recupera en Guerrilla o seu espectáculo 'Encerrona', que o consagrou en todo o Estado.

"Apenas existe programación cultural con contido político e social explícito. Nós imos de fronte e reivindicamos eses contidos para as actividades relacionada coa cultura". Quen asi fala é Nacho Fungueiriño, da produtora Culturactiva, un dos principais artífices do festival Guerrilla, que está tendo lugar estes días en Pontevedra e que se desenvolve baixo o explícito lema de Cultura para a transformación social. 

"Si existen obras e espectáculos que teñen un contido político moi evidente, pero á hora de programalos e publicitalos, hai uncerto branqueamento, parece que hai medo a explicitar as súas mensaxes, como se os asuntos sociais lles restasen calidade aos produtos culturais. Nós cremos que as artes non poden restrinxir o seu alcance a cuestións formais, teñen que contar algo que interese á sociedade", declara Fungueiriño én conversa con Nós Diario. "En moitas ocasións, falta que se verbalice de forma clara o compromiso dos artistas ". 

O nome do festival, Guerrilla, é o suficientemente explícito, mais existe un continuum histórico que os organizadores queren engarzar: "Chamámoslle así porque nos decatamos de que os temas que queriamos tratar eran xustamente aqueles polos que loitaron historicamente as guerrillas: a xustiza social, a igualdade, a identidade, a lingua... As loitas sociais e culturais históricas que se artellaron no noso país non están mortas en absoluto".

 

Sáhara libre 

Os eixos temáticos principais das xornadas deste ano son a educación durante o franquismo, a censura musical na ditadura, o feminismo ou a loita do pobo saharauí pola súa emnacipación. 

Precisamente, o programa desta fin de semana estará moi marcado polo conflito do Sáhara. Hoxe, o protagonista da xornada será Pepe Viyuela que, ás 17 horas, no Teatro Principal, presentará o documental Un viaje hacia nosotros. "Trátase dunha investigación que fai sobre o seu avó represaliado, durante a cal estabelece paralelismos entre a situación dos refuxiados de 1939 a do pobo saharahuí nos campos de Alxeria. É moi coñecido o traballo de Viyuela como clown, como cómico, mais talvez non se coñeza tanto o seu compromiso coas vítimas deste conflito. Por iso, ademais da proxección do filme teremos un faladoiro con el sobre o tema", explica Fungueiriño. 

Ademais, ás 21 horas, Viyuela representará o espectáculo que lle deu sona por todo o Estado, Encerrona, xa un clásico.  

O domingo haberá outro faladoiro sobre o "Sáhara libre" coa participación de, entre outras, Maite Isla de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps)e Montse Prado, parlamentaria do grupo de Paz e Solidariedade polo Sáhara, e moderado por Khadyetu Ahmedu, Presidenta da Asociación Galega de Mulleres Saharauís. 

E xa á noite, terá lugar unha gala de Pallasos en Rebeldía polo Sáhara na que se mesturarán música, teatro e circo da man da cantante Uxía, do grupo Dakidarría, do cantante, compositor de rap e defensor dos dereitos humanos Yslem Hijo del Desierto e da actriz Isabel Risco. A gala estará presentada pola tamén actriz Andrea Bayer, da compañía Baobab Teatro. 

Educación, censura e revolución no escenario do festival

Pola segunda edición de Guerrilla xa pasou o espectáculo teatral As alumnas que,dirixido por Fina Calleja e interpretada por Mónica Caamaño e Anabell Gago, trata sobre a figura da pedagoga galega María Barbeito e sobre como o franquismo significou un enorme retroceso na educación do Estado, especialmente para as mulleres. E tamén o concerto de Luís Pastor Grándola de mi querer. "Parecíanos que  Luis Pastor debía estar no festival, non só porque a súa traxectoria enlaza directamente co asunta da censura, senón tamén porque este espectáculo ten un referente moi próximo á sensibilidade galega: a lendaria canción de José Afonso “Grândola, Vila Morena” coa que se iniciou en Portugal a Revolução dos Cravos", sinala Nacho Fungueiriño.

Comentarios