Comeza o Festaclown

As rúas de Vilagarcía son unha carpa

Desde hoxe e até o domingo 21 de agosto, o Festaclown volve encher as rúas de Vilagarcía de Arousa con circo e con comedia. Acrobacias, música, narración, clown e humor para todas as idades serán protagonistas dun festival pioneiro que xa se transformou nun clásico da escena galega do verán.
entre nous
photo_camera 'Entre nous', un dos espectáculos máis esperados desta edición do Feticlown. (Foto: Entre nous)

"Un artefacto de alegría rebelde". Así definen desde a organización do Festaclown este festival que comeza esta cuarta feira en Vilagarcía. Xa un clásico da escena galega estival, o Festaclown é a cita co novo circo máis veterano da Galiza e a que con máis decisión aposta na rúa como escenario, sen por iso baixar o nivel artístico das compañías invitadas. 

"Parece que levamos tres anos dicindo que esta é a edición da volta á normalidade, mais parece que desta vez si é verdade, por fin volvemos sen ningún tipo de restrición", sostén Nacho Fungueiriño, da organización do festival. "O concepto non cambia: tratamos de ofrecer un tipo de espectáculos que non se ven habitualmente nas programacións dos concellos, combinando a atención ás compañías galegas con invitados de fóra cuxo traballo pode ser de interese para o público e mesmo para a profesión, aquí, na Galiza. Sempre buscamos propostas arriscadas, que escapan do habitual. E que sexan de primeiro nivel: o público de Vilagarcía, que leva uns anos seguindo o festival, xa ten un criterio moi formado e esixe que o que se lle presente teña calidade. E iso, por suposto, é unha satisfacción, porque é xusto o que nos gusta". 

Clásicos e novos

Moitas das compañías que estarán no Festaclown son habituais do festival, mais tamén hai novidades que contribúen a ese labor de renovar e manter o nivel de calidade. Fungueiriño subliña, por exemplo, as virtudes do espectáculo que se poderá ver esta noite. "Entre nous é un espectáculo interpretado por unha desas troupes circenses clásicas, con artistas de diversas procedencias (canadienses, franceses, cataláns...) que fan unha proposta de primeirísimo nivel. Mais estas compañías clásicas do festival como Kanbahiota, tamén están aquí por calidade e porque traen un espectáculo moi orixinal e diferente ao que se adoita facer. O público quere velos e por iso repiten". 

Outras compañías que se estrean no Festaclown son os valencianos de La tribo malabó, gañadores de varios  premios, ou Javier Ariza que, segundo Fungueiriño, "pon esa dose de gamberrada e de irreverencia que sempre debe estar presente no Festaclown. En xeral, o programa é moi variado, buscando facer un percorrido máis amplo posíbel por diferentes técnicas e tendencias para que o público, ao final dos cinco días, teña unha idea ben definida do que se está facendo e, ao mesmo tempo, non se aburra". 

En xeral, búscanse artistas que xa teñan o concepto de traballar en rúa, mais en ocasións, desubícanse espectáculos que están pensados para escenario, "mais sempre poñendo as condicións axeitadas para que a función poida desenvolverse con todas as garantías -tanto para as compañías como para o público- de calidade e de seguridade", comenta Fungueiriño. "A decisión de tomar a rúa responde tanto ao desexo de levar á cultura ao espazo público como á busca de novas audiencias que, polas razón que sexan, non darían o paso de ir a un teatro a coñecer este tipo de propostas". 

Un apoio institucional pouco decidido

O novo circo vai normalizándose como unha forma artística que, moi paulatinamente, vai incorporándose ás programacións escénicas, mais non acaba de superar esa condición estacional que se lle quere dar desde as institucións. "Funcionamos moi ben no verán e na Galiza temos artistas de moitísimo nivel, mais o certo é que onde o novo circo está dando mellores resultados é onde as institucións apostaron con máis forza por apoiar esta forma de creación. València, Catalunya ou Andalucía investiron moito diñeiro en apoiar as estruturas de circo e iso é o que fai que saian espectáculos punteiros e que artistas e compañías se estabilicen e poidan medrar. Aquí o apoio non é tan claro: temos boas propostas e bos artistas pero con máis investimento lograriamos resultados aínda mellores. Mesmo en relación ao prestixio do xénero: temos moita aceptación nas propostas familiares pero segue custando introducir o circo para adultos. É unha materia que aínda temos pendente". 

Gala contra a guerra

Pallasos en Rebeldía leva tempo traballando en lugares que son escenario de conflitos bélicos, nomeadamente en Palestina. A tradicional gala do Festaclown celébrase baixo este ano o lema Contra a guerra. "Agora mesmo parece que só se fala de Ucraína, mais acaba de producirse un novo bombardeo na faixa de Gaza cun número altísimo de vítimas mortais. Esta gala é unha declaración xeral: queremos sensibilizar sobre a necesidade de resolver pacificamente os conflitos manténdonos por riba dos intereses particulares de cada guerra, que moitas veces resultan confusos para a poboación". 

Comentarios