LEO BASSI, PALLASO

"Os monologuistas aceptan a realidade, os pallasos loitan por algo mellor"

Leo Bassi regresa a Galiza para participar no Festiclown, que terá lugar do 12 ao 17 de agosto en Vilagarcía, onde compartirá protagonismo con outros cómicos do mundo: Pepe Viyuela, Vanessa Rivas, Javi Javichy, Pallasos en Rebeldía... 

bassirednose
photo_camera Leo Bassi

- Voltas a Galiza de novo, aínda que temos a impresión de que vés moito por aquí. 
- Sempre é un grande pracer vir a Galiza. Pero por outra banda, nas últimas seis semanas estiven en Brasil, México, Dinamarca, Suecia, Italia e Galiza. Os bufóns somos xente de aeroportos, trens, buques, pero gustaríame botar máis tempo aquí, porque teño moitos amigos, pero a verdade é que son sempre viaxes-‘relámpago’. 

- Vés ao Festiclown, cita obrigada, e traes un espectáculo que é unha selección dos teus éxitos dos últimos dez anos. 
- Si. O do Festiclown, é que non só somos amigos, compartimos unha cousa esencial coa xente deste festival e con Pallasos en Rebeldía: é pensar que hai unha dimensión política no feito de facer rir. Os bufóns e os pallasos teñen unha misión de facer rir e de loitar por valores. Entón Festiclown non é só un festival de pallasos, tamén é un lugar onde nos xuntamos xente, como Pepe Viyuela, por exemplo, e falamos de política, organizamos accións… Son interesantes ambos os dous aspectos. E na segunda parte, o meu propio espectáculo é un regalo que me fago a min mesmo, porque nos últimos dez anos fixen catorce espectáculos diferentes e cando un pasa dun a outro. Eu conto cousas miñas, eu non teño guionista, non hai quen me escriba os textos. Eu falo de cousas que son moi persoais e dame mágoa abandonar un espectáculo, porque é parte de min. Así que dixen, abonda, e vou facer durante ano e medio ou dous anos un espectáculo coas partes que máis me gustaron destes 10 anos. É unha boa maneira, se un non me coñece, de descubrirme, e se xa me coñece, creo que pode gustarlle igualmente estes anacos antolóxicos. 

Os bufóns e os pallasos teñen unha misión de facer rir e de loitar por valores


- Ademais vas facer un obradoiro titulado “En busca da túa identidade cómica”.
- Isto entra dentro desta outra dimensión máis política. Non é que sexa un curso de como ser pallaso, senón unha introdución á filosofía do pallaso, e como cada un encontra en si mesmo a súa propia identidade para transformar a ilusión nalgo concreto. Eu moitas veces teño a sensación de estar formando un exército da risa para as vindeiras xeracións. Xa teño os meus anos, coñezo o ritmo do tempo e non vou estar aquí sempre, así que me preocupa moito que desapareza a filosofía dos bufóns, porque unha cousa é ser bufón e outra cousa é ser monologuista. Hai unha gran diferencia. Os monologuistas aceptan a realidade, utilizan a ironía sobre a realidade, pero os pallasos nunca aceptaron a realidade e loitan por algo mellor. 

- Ti dis que todos temos identidade cómica. Mesmo Rajoy?
- Seguramente. A cousa é ver como se utiliza. O talento para facer rir non ten etiqueta política. Do mesmo xeito que hai chistes humanistas, hainos homófobos, racistas… Existen chistes da extrema dereita. Entón non teño dúbidas de que Rajoy, ou calquera outro político terá o seu sentido do humor. Aí é onde un entra, pero os pallasos e os bufóns teñen unha consciencia dunha misión. Eu mesmo non teño problema en usar chistes escatolóxicos, pero nunca vou facer un chiste homófobo ou racista. O uso do humor hai que coidalo moito para ver que fas con el. 

Eu moitas veces teño a sensación de estar formando un exército da risa para as vindeiras xeracións

- Estes cursos son só para cómicos ou está aberto a todo o mundo?
- A todo o mundo. Eu fago cursos de humor para médicos, por exemplo en Alemaña ou Suíza, para enfrontarse a como transmitir a mensaxe dunha mala noticia. E no mundo dos negocios. O humor é un bo xeito de encamiñar estas cousas, é moi útil para calquera que teña problemas coa comunicación. E hoxe en día é moi importante ser bo comunicador. Pero para a xente que queira vir, que saiba que non imos falar de comunicación, senón de pallasos. 

- A ti a vea cómica veuche xa no ADN. Naciches dunha familia de artistas. 
- Si, de moitísimas xeracións. Temos constancia desde polo menos 1840. De pai a fillo e moitas veces de nai a filla tamén. É curioso, cando tiña 20 anos eu odiaba esta idea de ter unha misión e de manter unha tradición, pero agora -40 anos máis tarde- a verdade é que é un orgullo. 

- E cando chegou a ti a transgresión e a sátira política?
- Pois pola miña propia experiencia persoal, porque o que eu aprendín da miña familia é a tradición do circo, ser malabarista, sei como facer cousas de pallaso tradicional, pero deime conta de que isto estaba a ser superado pola realidade na que vivía o público: abusos de poder, inxustizas, violencia… e lentamente ese desexo de facer rir asociouse ao desexo de estar á beira dos máis febles. E finalmente descubrín que o que me estaba a motivar eran os desexos eternos dos bufóns. Entón empecei a ler sobre a historia dos bufóns, tamén noutras culturas, porque non hai só bufóns no mundo occidental, hainos en todas as culturas. Eu encontrei chamáns pallasos hai un par de meses en Brasil, incrible, nun encontro de dúas civilizacións totalmente diferentes. Pero cruzando os ollos con eles, eu sabía o que el era e el sabía o que eu era. El tiña ollos de pallaso e eu tamén. E sen intercambiar apenas palabras, só cun pouco de portugués, entendémonos. É o que eu aprendín por min mesmo, porque no circo quizais eu esquecín esa dimensión antropolóxica da risa. É un percorrido que fixen ao meu xeito, poñendo ao día a tradición que recibín de meus pais. 

Lentamente ese desexo de facer rir asociouse ao desexo de estar á beira dos máis febles

- Sempre te implicaches en cuestións políticas e sociais, centrando os teus ataques cómicos na dereita e na igrexa, fundamentalmente.
- Non só falo da dereita e da igrexa, tamén dos pobos oprimidos. Eu estiven moitísimas veces en América, ao carón dos pobos indíxenas, machacados pola nosa civilización ou por multinacionais que lle quitan as terras. Ou, por exemplo, en Palestina, onde estiven con Pallasos en Rebeldía. Pero en xeral para min a ética do pallaso é unha ética moi positiva, que ten esperanza, que cre na xente. Por exemplo, con respecto á igrexa e á dereita, o que máis me molesta deles é que manipulan á xente. E o pallaso odia que a xente sexa manipulada por outros, polo medo, polo poder, os caciques… E nós enfrontámonos a isto coa risa, que eu non teño armas e non vou disparar nunca. Pero a miña arma é atopar contradiccións e facer rir á xente. A lóxica do meu ser como pallaso é poñerme a carón do débil. 

- En Madrid creaches o Paticano, que é a sede da Igrexa Patólica. Como vai o proxecto?
- Moi ben, temos moita xente e cando podo fago as misas o domingo. No verán, como ando por fóra, só está aberto a visitas, pero no resto do ano intento manter unha presenza os domingos. É un sitio moi pequeno, hai que dicilo, é un lugar onde caben máximo 40-50 persoas, pero está sempre ateigado. Falamos de laicismo, o noso deus é un pequeno pato de plástico, como unha cousa infantil pero ao mesmo tempo esperanzadora e humilde. En Internet pódense ver 140 misas en internet, onde se fala de temas humanistas. Estou moi orgulloso disto.

Pola miña experiencia de vida, e quizais tamén pola miña idade, eu non creo nas grandes revolucións, creo nas revolucións pequenas, nas cousas próximas, nos teus amigos, en montar cousas xuntos…

- Xa para rematar, sabes que seguimos sen goberno no Estado. Ocórreseche algunha solución?
- O primeiro é que é unha situación fantástica para os bufóns porque demostra algo que sempre defendemos: con ou sen goberno, non cambia nada, esa é a primeira lección. Nestes 9 meses non vexo que cambiara nada, todo sigue igual. Os políticos están a demostrar que son uns inútiles. E, segundo, pola miña experiencia de vida, e quizais tamén pola miña idade, eu non creo nas grandes revolucións, creo nas revolucións pequenas, nas cousas próximas, nos teus amigos, en montar cousas xuntos… O Festiclown é unha cooperativa que o fai, son amigos quen o crearon e leva 20 anos ou máis e creo que é un bo exemplo do que é posible en política. Eu creo que os poderosos e as multinacionais non nos van permitir un cambio radical, pero podemos intentar vivir sen eles, con economía horizontal, o que ti fas co teu xornal, e intentar protexernos uns a outros das manipulacións dos poderes. Esa é a mensaxe profunda do pallaso. 

Comentarios