O Festival de Fotografía Ffoco reflexiona sobre as fronteiras

Jon Cazenave, un dos fotógrafos máis recoñecidos da súa xeración, será un dos protagonistas desta edición, cun traballo que retrata un territorio cargado de historia e maxia.
Unha das fotos do proxecto AMA LUR de Jon Cazenave.
photo_camera Unha das fotos do proxecto AMA LUR de Jon Cazenave.

O fotógrafo de orixe vasca Jon Cazenave, un dos autores máis recoñecidos da súa xeración, será un dos protagonistas da sétima edición de FFoco, Festival de Fotografía da Coruña, que se inaugurará na Fundación Luis Seoane o vindeiro 10 de novembro coa presentación do seu aclamado traballo AMA LUR: un universo de símbolos co que cuestiona o concepto de fronteira.

O seu proxecto servirá de punto de partida para reflexionar sobre a relación entre os lugares e as identidades; sobre as lindes entendidas como as liñas reais ou imaxinarias para estremar terreos; e sobre os límites da propia fotografía. 

Cazenave estará acompañado pola coruñesa María Meseguer, que mostrara en imaxes o seu deambular pola cidade; Sara Guinta valerase do Street View de Google para afondar nos pequenos camiños que bordean Compostela; o colectivo Hoodoolab Team (Francisco López Riopedre e Kathleen Day) descubrirá a Mariña lucense como un lugar atemporal, unha rexión que concibe o elemento mariño como un espazo sagrado; e Vicente Fraga indagará tanto nas migracións transoceánicas como nas interiores, que supuxeron o abandono permanente dos territorios rurais galegos en favor das zonas urbanas. 

Completarán o programa de proxeccións a fotógrafa e ilustradora Rita G Rivera, cun percorrido cotiá polo interior de Alicante; o dúo Lemos + Lehmann, cun traballo co que invitan ao espectador a transitar un espazo que esvaece, o glaciar de Sólheimajökull, ao sur de Islandia; Fran Rodríguez Casal afondará na relación ao longo dos séculos entre as persoas e o territorio, nas irlandesas illas de Arán, a partir dos poemas do escritor Keith Payne; e Anxo Santiago porá o foco na astronomía e nos confíns do Universo, nun proxecto no que xoga con imaxe e texto, nese límite que serve de punto de encontro entre os dous mundos, o fotográfico e o literario. 

E un ano máis, FFoco estreitará lazos coa mellor producción fotográfica latinoamericana, coa presentación dos traballos máis recentes de Enea Lebrun e Isabela Muci, tamén en dupla sesión. Lebrun documenta a vida das tribus indíxenas nos territorio bañados polo río Chagres, principal fuente hidrográfica do Canal de Panamá; mentres que Muci se cuestiona os límites entre apropiación e representación, retratando aqueles espazos artificiais nos que se ofrece una representación domesticada e idealizada da Natureza.

De volta na Fundación Seoane, na mesma xornada do sábado celebrarase a xa mítica feira editorial que cada ano impulsa FFoco, coa participación dalgúns dos selos máis destacados do panorama galego, entre eles Fabulatorio, Alauda Negra, Estraperlo Editora, Amor de Madre, Dispara ou La Mosca. Neste marco ademais presentaranse as publicacións Anima, de Ruth Montiel Arias, e Orixe ou cando a marea baixa, de Ana Paes, libro resultante do Primeiro Premio Editorial de Fotografía Documental Galega organizado polo Festival, que este ano ten en marcha a súa terceira convocatoria, co fin de promover a producción de fotolibros na Galiza. 

Entre as actividades, o Festival propón un obradoiro de edición no que, baixo o título ‘As lindes dos tempos’, Laura Alonso Carracedo e Pep Páramos abordarán as distintas posibilidades condicionantes dos proxectos fotográficos en canto ao destiño final dos mesmos: parede, papel ou pantalla.

Comentarios