O festival de Cans arrinca cunha retrospectiva de Valérie Massadian

Esta sexta feira 12 e sábado 13 exhibiranse as dúas longametraxes de Massadian no Centro Cultural Municipal de O Porriño.

Valerie Massadian
photo_camera Valerie Massadian

A XX edición do Festival de Cans, que terá lugar do 16 ao 20 de maio, arrinca esta fin de semana cunha programación previa no Porriño que contará cunha retrospectiva da cineasta  Valérie Massadian, coa apertura dunha exposición de colaxes de Diego Giráldez e coa presentación do novo proxecto musical de Eladio Santos, Ronsel, acompañado por Andrés Cunha. Todas as actividades son de balde.

 A programación especial que ofrece nesta edición o Festival de Cans sobre a directora franco-armenia Valérie Massadian arrinca hoxe 12 ás 20 horas coa proxección da súa longametraxe de debut, Nana (2011), que foi premiada como Mellor Película no Festival de Locarno. Mañá, sábado, ás 18 horas, proxectarase Milla (2017), gañadora do Premio do Xurado e do Público no Festival de Locarno. 

As proxeccións terán lugar no Centro Cultural do Porriño e consisten na primeira parte da retrospectiva que lle dedicará o festival o día 20, coa exhibición da súa obra como curtametraxista, con títulos como América (2013), Ninouche (2011), Solitudes. L’insomnie (2019), La tempête (2018), Care (2022), Mamoushka (2014) e Ire (2021). Moitas delas permanecen inéditas no Estado español. 

A cineasta franco-armenia é unha autora radicalmente independente, partidaria de traballar con equipos reducidos e de borrar as fronteiras entre a realidade e a ficción, cultivando a confianza das persoas que se converterán nas súas personaxes. Massadian intervirá por videoconferencia antes da proxección da primeira longametraxe e estará presente en Cans durante o festival.

 

Exposición e concerto 

Ademais, o sábado ás 20 horas, a seguir do filme de Massadian, terá lugar a apertura da exposición Collage Catástrofe, do xornalista e escritor Diego Giráldez, na que se mesturan mulleres que ben poderían protagonizar unha comedia romántica de Frank Capra con homenaxes ao cine de catástrofes dos anos 70. A mostra poderá verse no Círculo Recreativo Cultural do Porriño até o 31 de maio. 

E ese mesmo día, na terraza do Circulo Recreativo Cultural terá lugar ás 21 horas a presentación de Ronsel, novo proxecto de Eladio Santos, nunha iniciativa organizada polo Círculo Recreativo Cultural dentro do ciclo “Círculo Aberto”, como previa da XX edición do Festival de Cans.

Comentarios