Xornada de homenaxe

Vinte anos sen Roberto Vidal Bolaño

O Centro de Investigación en Humanidades Ramón Piñeiro organiza unha xornada para lembrar e homenaxear a Roberto Vidal Bolaño este sábado 10, véspera do vixésimo aniversario do seu falecemento.
Roberto Vidal Bolaño (Foto: Quique Alvarellos)
photo_camera Roberto Vidal Bolaño (Foto: Quique Alvarellos)

Vinte anos despois da súa morte, segue a ser un referente inescusábel para o teatro galego. O día 11 deste mes fanse dúas décadas da desaparición de Roberto Vidal Bolaño e a véspera, o sábado 10, o Centro de Investigación en Humanidades Ramón Piñeiro organiza unha xornada para lembralo e homenaxealo. 

A xornada contará con relatorias de Inma López Silva, Camilo Franco e Roi Vidal Ponte, ademais de con tres mesas redondas: unha coa participación de Cristina Domínguez, Manuel Guede e Roberto Pascual, moderada por Anxo Abuín. sobre a relación entre Vidal Bolaño e o Centro Dramático Galego; outra con Mónica Camaño, Quico Cadaval e Laura Ponte, moderada por Roi Vidal Ponte; e unha terceira que debaterá sobre as edicións da súa obra e na que estarán presentes Francisco Macías, de Edicións Positivas -que publicou as obras completas do autor-, Xosé María Fernández Castro e Alberto Escudero, moderada por Nuria Araúxo. 

Ademais, haberá un diálogo sobre as dúas montaxes da obra Rastros -a orixinal de 1998 e a dirixida por Lois Blanco en 2020- na que participarán Luís Iglesia, Pablo Carrera, Mateo Franco e o propio Lois Blanco, e que será moderada por Camilo Franco. 

Un teatro do hoxe e do aquí 

"Roberto Vidal Bolaño foi o escritor que fixo un retrato máis completo da Galiza na que lle tocou vivir", afirma Camilo Franco, "e por iso debe ser considerado o mellor escritor da súa época, por riba de moitos novelistas que trataron de trazar ese retrato sen a súa perspicacia". 

A ese talento literario, Vidal Bolaño sumoulle un olfacto dramático que o converteu nunha especie de paladín do teatro galego co que simpatizaron varias xeracións de teatreiros: desde os que empezaron con el nos tempos heroicos da Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia (1973-1980) até os que afiaron os seus dentes escénicos nas irreverentes táboas da sala Nasa. Para Vidal Bolaño, o teatro   non existía sen a representación. A actividade de autor era a que prefería -ou iso declaraba- mais situaba no centro a posta en escena.

Admirábase a súa obra, o seu compromiso co oficio -el foi quen deu o paso definitivo á profesionalidade ao transformar o Grupo Antroido na primeira compañía teatral galega profesional-, a súa sabedoría en todas as ramas do sector. Mais tamén o seu carácter polemista e a súa rebeldía ante calquera forma de poder. Unha bohemia malhumorada que non deixaba de ser outra máscara: Luís Tosar describíao como "un tipo que ten moi mala hostia pero, ao tempo, é absolutamente encantador". 

Vidal Bolaño dicía que escribía teatro "para a xente que non vai ao teatro", e iso marcaba un compromiso que ía máis alá do profesional: o seu era un compromiso cun país que ía máis aló do escenario. A súa obra é imprescindíbel para entender o teatro galego, mais tamén o tempo e o espazo que habitou. 

Manuel Guede, que compartiu moitas aventuras teatrais con Vidal Bolaño, adianta que na súa intervención "proporei que na porta da Escola de Arte Dramática de Galiza, se coloque unha placa na que se reproduza o manifesto que redactou Roberto cando formou a compañía Teatro do Aquí, aquel no que aparece a famosa declaración de intención sobre facer un teatro do hoxe e do aquí. Quen entre no mundo do teatro galego debería facelo baixo esa exhortación que marcou o teatro da Galiza e que, dalguna maneira, segue marcándoo". 

Comentarios