CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

A festa power e folk metal de Alestorm

Volven os  piratas metaleiros e traen no seu cofre do tesouro un novo disco baixo o título No Grave But The Sea, un verdadeiro tratado de festa en chave de power metal e folk metal. Alestorm volve con este seu quinto disco para consolidarse como un dos novos referentes do xénero.

Esta banda escocesa é, sen dúbida, unha das que máis rápido medrou nos últimos anos, sobre todo grazas á calidade dos seus anteriores traballos que tiveron unha grande acollida, de feito o seu primeiro traballo levounos a participar no Wacken Open Air, concerto que gravarían e posteriormente editarían en DVD acompañando a edición especial do seu segundo traballo Black Sails At Midnight.

O plástico abre co tema que lle dá título, No Grave But The Sea, un tema no que son máis que evidentes os toques de folk metal  e que conta cuns riffs melódicos que se fixan na cabeza dende a primeira escoita e cun retrouso tabernario feito para deixarse as gorxas en directo, convertendo este tema nun novo himno destes piratas escoceses. Con Mexico, tema que coñecíamos por ser un dos singles, vemos como prosegue o espírito festeiro no que destacan uns deliciosos violíns e no que proseguen na tónica dos retrouso cantábeis e as melodías festeiras, que por outra banda é o que se agarda deles. Con To The End Of The World, volven á liña máis power metal e menos folk, na que o protagonismo é das guitarras e do espectacular solo de teclado.

Alestorm, que foi o outro single de adianto do disco, móvese na onda de Drink, por non dicir unha autoversión do que fora un dos sinxelos do anterior disco. Nada que ver con Bar ünd Imbiss  que destaca por esa desaceleración no retrouso que convida cantar coa cervexa na man o recorrente tema de bares e alcol que tanto gusta á banda e dá paso á sinxela e divertida Fucked With an Anchor, cuxa letra parece máis de patio de escola que lírica, mais por iso mesmo incita á festa como ningunha outra. A boa calidade e os matices volven con Pegleg Potion, cunha espectacular harmonización marca da casa onde os teclados e as guitarras combinan á perfección para crear un dos mellores temas do disco.

Entramos na recta final con Man In The Pumps, cuxa épica entrada dá paso a un tema que parece saído da unión de Manowar e Flogging Molly, pero cunhas guitarras dobradas deliciosas. A continuación atopamos Rage Of The Pentahook, outro tema con retrouso pegadizo, no estilo da banda, mais que non destaca por ningunha outra cousa a diferencia de Treasure Island, o tema de peche. Aquí Alestorm fan en case 8 minutos unha demostración de todo o que é que musicalmente son. A mellor elección coma himno de peche.

No Grave But The Sea é un dos mellores discos da carreira de Alestorm. Fieis ao seu estilo e aos seus principios, oferecen 10 temas preparados para a festa e coa intención de converterse en himnos. Ademais a edición especial conta cun segundo CD no que están todas as cancións cantadas por cans ademais dun parrulo de goma de agasallo.  Un disco máis que recomendábel para os amantes do power e o folk metal.

ALESTORM NAS REDES:

WEB: http://www.alestorm.net/

FACEBOOK: https://www.facebook.com/alestormband/

TWITTER: @alestormband

LISTAXE DE TEMAS

1.-No Grave But The Sea

2.-Mexico

3.-To The End Of The World

4.-Alestorm

5.-Bar Und Imbiss

6.-Fucked With An Anchor

7.-Pegleg Potion

8.-Man The Pumps

9.-Rage Of The Pentahook

10.-Treasure Island

Comentarios