Máis

A festa non dorme na fraga

Viño e lodo na Romaría das Pontes.
fraga web
photo_camera A sesión vermú da romaría da Fraga xunta centos de mozas e mozos. (Foto: Festas da Fraga)

Pouco queda para o 24 e 25 de xullo, cando as Fragas do Eume (As Pontes, comarca do Eume) volven cubrirse de viño e lodo para celebrar a tradicional romaría da Fraga. A ruada, a cargo dos grupos No Cómbaro e Os Trevillas, será ás 12 horas da segunda feira e dará inicio a dous días de troula continuada.

Tempo abondo para que todas as persoas que se acheguen até a carballeira de Dona Rita, onde se celebran as festividades, tenten construír as súas casetas con elementos naturais co obxectivo de durmir, ou non, ao acubillo dun dos bosques atlánticos mellor conservados do continente europeo.

O día grande será o 25 de xullo, cando dea comezo, arredor das 13.30 horas, a sesión vermú da romaría. Momento no que ninguén se librará dunha tradición clave desta festa declarada de Interese Turístico da Galiza. Difícil será saír limpo desa carballeira ante a chuvia de lodo e viño que fai única unha festividade que conta con especial implicación por parte da mocidade.

Antes da chegada deste último día de festa, o día 24 poderase gozar do festival de folk que se enmarca na programación e que ofrece unha mestura entre a música de verbena e os sons máis tradicionais. A visión máis popular de Xosé Lois & Alboria ou Caamaño & Ameixeiras, o son "festeiro" de Lamatumbá e a Quinkillada ou a mestura de composicións propias con poemas musicados da banda pontesa Nimbos porán a música nesta primeira xornada de romaría.

Así mesmo, haberá tamén oco para que algunha das orquestras do país sigan animando a festa. Contando tamén coa actuación de Los Secretos.

Comentarios