Máis

Ferrolterra a ritmo de jazz

A cita reúne na comarca a artistas destacados
Barbara Calypso, integrante da banda Nicotine Swing, durante unha das actuacións do Jazz de Ría en 2022.
photo_camera Barbara Calypso, integrante da banda Nicotine Swing, durante unha das actuacións do Jazz de Ría en 2022.

A Costa Ártabra é desde hai anos un referente no panorama musical do país, destacando especialmente nos xéneros do jazz e do blues grazas ao festival Jazz de Ría, un dos principais eventos musicais desta zona.

O Jazz de Ría celebrou as súas catro primeiras edicións en lugares emblemáticos de Ferrol e Mugardos como o Castelo de San Filipe, a praza Vella, o Campo do Río do Seixo e o Cantón de Cora.

En 2021 trasladouse a Narón e Neda. Ese mesmo ano logrou o galardón Organistrum Extraordinario nos Premios Martín Códax da Música. O xurado destacou as súas boas prácticas en material laboral, de sostibilidade e igualdade, así como a integración na contorna.

En 2022 o Concello de Cedeira uniuse aos Concellos de Narón e Neda. Este ano o Concello de Valdoviño completa o itinerario incorporándose a este evento, que celebra a súa VII edición.

A cita comeza mañá, ás 21.30 horas, no Parque de Freixeiro (Narón). Este espazo natural será o escenario principal da edición, posto que acollerá a meirande parte dos concertos.

A xornada comezará co dúo de Josemi Carmona e Jorge Pardo, acompañados do percusionista galego Moisés Fernández. O sábado continúa a música en Narón con Stompy Seven Jass Band, Swing On DJs, Os Bregadiers, St. James Dixie Band, e Por mí, Swing.

O jazz chegará a Neda o día 20, que recibe o trío Udra na ribeira de San Nicolás, e a Cedeira; que acollerá a actuación de Rilo & Penadique no Castelo da Concepción e a Xosé Miguélez & Jean-MichelPilc Quartet no parque de San Isidro. 
A última parada é en Valdoviño, con Nastasia Zürcher.

Comentarios