O feminismo recupera “A Saia” para a súa hemeroteca na rede

A Saia foi a primeira revista feminista editada integramente en galego que viu a luz en 1982. O nome recupérase para a hemeroteca do movemento feminista galego que pon na rede a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. 

A saia
photo_camera A saia

De marzo de 1982 a xaneiro de 1983 publicouse en Compostela “A Saia”, a primeira revista feminista integramente en galego que botaban a andar desde o Colectivo Feminista Independente Galego. Máis de trinta anos despois, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega toma o mesmo nome para titular a Hemeroteca Feminista Galega que vén de poñer na rede na que se incorporan números íntegros de revistas de referencia no movemento como a propia A Saia ou Andaina e a Festa da Palabra Silenciada. 

En colaboración co Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega recupera e difunde a través da rede relevantes materiais, de maneira especial as propias publicacións, do movemento feminista, nun proxecto coordenado por Helena González e Mariam Mariño. Recupéranse así textos, publicacións e debates esenciais para construír a historia do feminismo galego e do propio país ademais e textos e traballos descoñecidos de diversas autoras e protagonistas do movemento. 

Proxecto aberto

Reproducións facsimilares, explicacións das cabeceiras, índices e datos das publicacións como periodicidade ou prezo son algúns dos contidos que se incorporan de cada unha das cabeceiras, algunha delas practicamente desaparecidas e inencontrábeis nas distintas hemerotecas e arquivos do país. Doazóns de particulares e investigación en diversos arquivos persoais e de colectivos permitiron agora volver dar a luz sobre estas publicacións, algunhas delas de moi difícil localización. 

Despois da presentación, o proxecto continúa aberto e incorporará a dixitalización doutras cabeceiras co fin de se converter nun completo arquivo do movemento feminista. Desde a Comisión demandan tamén colaboración á hora de completar coleccións e publicacións, algunhas delas desaparecidas. Na web do Consello da Cultura recóllense as presentacións do proxecto máis a intervención das feministas Sabela Mouriz, Nanina Santos e Mª Xosé Queizán, promotoras as tres de diversas publicacións feministas. 

Comentarios