sábado 23/10/21
Caderno de Verán

As feiras de artesanía na Galiza

As feiras de artesanía son un reclamo turístico e social que enchen as rúas das vilas cada ano, principalmente durante o verán. Se ben as restricións debidas á Covid-19 dificultaron a súa realización no último ano e medio, este mes de agosto volve cheo de citas artesanais por todo o país.
[Imaxe: SG] Artesanía

Odicionario da Real Academia Galega define a artesanía como a "técnica ou arte que ten como finalidade a elaboración de produtos dun xeito manual utilizando medios e métodos de produción tradicionais"; por extensión, entendemos como artesanía o "conxunto de produtos ou obras elaborados artesanalmente". A artesanía é unha práctica que acompaña a vida dun pobo, que o caracteriza como grupo social e que lle serve de vínculo de unión. 

O desenvolvemento da economía en Europa na Idade Media, coa consecuente especialización nos diversos sectores, que permitía unha maior calidade dos produtos, provocou o nacemento dos gremios. Mestres, oficiais e aprendices conformaban a xerarquía dos artesáns, que regulaba a actividade laboral e a formación dos seus membros. Os gremios reunían os artesáns e artesás dun mesmo oficio. Nunha época preindustrial, o desenvolvemento da sociedade dependía, case na súa totalidade, da artesanía, pois nela se baseaba a calidade de vida do pobo. O desenvolvemento da industria moderna, que deu lugar ao nacemento do sistema capitalista no século XIX, provocou o desmantelamento dos gremios tradicionais, e que moitos dos artesáns comezasen a traballar nas fábricas nun sistema de produción menos personalizado. As malas condicións laborais desta nova clase de traballadores darían pé á creación dos sindicatos, baseados en parte na antiga estrutura dos gremios, que se poden, por tanto, considerar os precursores daqueles. 

O oficio  artesanal conta aínda cunha gran vitalidade en canto ao apoio social que recibe. Así o demostra a realización de numerosas feiras de artesanía por todo o territorio galego ao longo do ano

A tradición dos gremios na Galiza contou cunha grande importancia ao longo da súa historia e deulle nome a unha boa listaxe de lugares nos que se realizaban os diferentes oficios. Hoxe en día, aínda que máis desgastada, segue a ter algo de presenza na sociedade. A cidade de Compostela é unha das máis marcadas polo traballo artesanal, principalmente o dos gremios dos prateiros e acibecheiros; os nomes da praza das Praterías e da rúa da Acibechería, mostran perfectamente aquela realidade, así como tamén o da rúa da Caldeirería e o da recoñecida praza do Obradoiro, na que confluían diversos gremios artesanais. Na actualidade, parece que os oficios artesanais foron caendo, pouco a pouco, no esquecemento. Aturo Ouro, presidente da Asociación Compostelá de Ourives, afirmou nunha entrevista que hoxe en día só quedan dous acibecheiros na cidade santiaguesa cando antes “era un gremio moi numeroso e as súas tallas eran, e son, pezas únicas”.

Pero as tradicións non desaparecen se o pobo non quere e, na Galiza, o oficio artesán conta aínda cunha gran vitalidade en canto ao apoio social que recibe. Así o demostra a realización de numerosas feiras de artesanía por todo o territorio galego ao longo do ano. Este mes de agosto, por exemplo, estase a realizar unha das máis importantes do país, Mostrart, que se desenvolve na cidade da Coruña desde o 1 ao 29 de agosto. A feira leva celebrándose desde 1985 nos xardíns Méndez Núñez. Nesta 37ª edición participan 73 obradoiros artesáns, cuxos postos abren de 11 a 14 horas e de 17.30 a 22 horas cada día. Entre os obradoiros participantes hainos de xoiaría, tecidos, coiro, xoguetes e bonecos, bixutaría, bordados, pezas de cartón e de madeira, deseños, roupa, pinturas, bolsos e complementos, gravados, cerámica e un longo etcétera. Este tipo de feiras semellan unha oportunidade única para atoparmos produtos exclusivos saídos directamente da man dos seus autores e autoras. 

Aínda que Mostrart sexa a máis relevante da Galiza, o noso país conta cun variado abano de feira de artesanía. Na cidade de Pontevedra lévase a cabo a feira Chalana, na que se expoñen pezas artesás únicas. O evento dura até a primeira semana de agosto e conta con produtos de bixutaría e xoiaría, xoguetes de madeira, roupa pintada á man... Pódese atopar calquera cousa e a prezos moi asumíbeis. Tamén até comezos deste mes se desenvolve a 32ª edición da feira dos Oficios Artesáns no concello de Mondariz. Despois da parada do pasado ano, este verán a feira volve cunha gran programación cultural cuxo obxectivo, como cada edición, é a aposta firme pola calidade do traballo artesanal.

Enmarcadas na temática de feiras de artesanía, tamén cobraron unha crecente relevancia nos últimos tempos as feiras medievais. Este tipo de eventos, que pode chegar a durar semanas, ademais de ofreceren os produtos artesanais, pretenden recrear todo un marco histórico no seu conxunto, ofrecendo unha visión aproximada do modo de vida do medievo (vestiario, comidas, actividades…) coa fin de resultaren didácticas ao tempo que divertidas. Poden presentar unha estrutura itinerante ou estaren vinculadas a celebracións propias de determinadas vilas. Unha das máis coñecidas no territorio galego é a de Betanzos, levada a cabo no mes de xullo. Este ano mudou o formato coa realización de pequenos espectáculos no canto dos postos que enchían as rúas noutras edicións. Tamén teñen unha grande importancia a Romaría Viquinga de Catoira, a Festa Medieval de Maceda e a de Ferrol, o mercado medieval de Mondoñedo e a feira medieval mariñeira do concello de Malpica; todas elas realizadas no mes de agosto. Mais quizais destaque sobre todas elas, pola súa tradición e pola importante participación da propia cidadanía da vila nela, a Festa da Istoria, declarada festa de interese turístico nacional, que transforma todo o centro histórico de Ribadavia nun escenario que reconstrúe o ambiente xudeu do medievo.

Se ben as restricións debidas á pandemia significaron un preocupante freo para o sector da artesanía no verán pasado, este ano a situación parece que conseguiu normalizarse até certo punto; os artesáns e artesás son optimistas e contan con poder mostrar o que fan e vender os seus produtos, como cada ano, ao longo de todo o período estival. Con todo, as profesionais da artesanía levan tempo denunciando o pouco compromiso das institucións sobre a súa situación. Argumentan que a pesar de que as súas actividades se levan a cabo ao aire libre, nunhas condicións por tanto máis favorábeis que outro tipo de ofertas culturais, se encontran cunhas normativas demasiado restritivas para poder desenvolver o seu labor de maneira rendíbel.

comentarios