Obituario

Falece aos 46 anos a actriz Itziar Castro

No plano artístico Itziar Castro destacou pola súa participación en series de televisión como 'Vis a vis' ou 'Paquita Salas', e tamén na 'gran pantalla' con títulos como 'Campeones' ou 'Pieles', que lle valeu a candidatura a 'mellor actriz revelación' nos Goya.
Itizar Castro, na estrea da película 'Black Panther: Wakanda Forever' en Madrid, o pasado ano. (Foto: Francisco Guerra / Europa Press)
photo_camera Itizar Castro, na estrea da película 'Black Panther: Wakanda Forever' en Madrid, o pasado ano. (Foto: Francisco Guerra / Europa Press)

A actriz catalá Itziar Castro (Barcelona, 1977 - Lloret de Mar, 2023) faleceu esta quinta feira aos 46 anos de idade, unha noticia que avanzou a primeira hora de hoxe o director de cinema Frankie de Leonardis, quen lembrou a súa compañeira de gremio e amiga como unha "actriz e artista talentosa", mais tamén como "unha loitadora incansábel polos seus ideais e crenzas".

"É con profundo pesar que informamos do falecemento da talentosa actriz Itziar Castro, ocorrido a pasada noite. Cunha carreira destacada na industria do entretemento, Castro deixou unha pegada imborrábel coa súa notábel actuación e carisma", manifestou o cineasta, que salientou tamén de Castro que "enfrontou cada desafío cunha determinación e coraxe que inspiraron a moitos".

Para De Leonardis, "a súa contribución ao mundo da arte e o seu incansábel traballo pola igualdade e a xustiza social permanecerán como un legado perdurábel da súa paixón e compromiso". Familiares e amizades da actriz xa traballan nunha serie de homenaxes e actos conmemorativos para lembrala nos vindeiros días.

A causa da morte, segundo precisou en declaracións á Canle 24 horas o propio director de cinema, foi unha descompensación cando se atopaba nunha piscina ensaiando un espectáculo de natación sincronizada para unha gala de Nadal. Precisamente a actriz compartira esta pasada cuarta feira, día 6, varias imaxes do ensaio co Club de Natación Kallípolis canda a ex nadadora profesional e adestradora Anna Tarrés.

No plano artístico Itziar Castro destacou pola súa participación en series de televisión como Vis a vis ou Paquita Salas, e tamén na 'gran pantalla' con títulos como Campeones ou Pieles, que lle valeu a candidatura a 'mellor actriz revelación' nos Goya, un galardón que si lle concedeu a Unión de Actores e Actrices. Tamén foi profesora en Operación Triunfo en 2018.

Comentarios