Unha exposición reflexiona con ironía sobre turismo e patrimonio

Foi creada e comisariada por Fernando Agrasar, xunto a catro  estudantes do Máster Universitario de Arquitectura nos IV Encontros Residencia Artística no Pazo de Mariñán, organizados no verán de 2023 pola Real Academia Galega de Belas Artes e a Deputación da Coruña.

Unha das imaxes presentes na mostra.
photo_camera Unha das imaxes presentes na mostra.

A Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza (COAG) inaugurará esta sexta feira, 15 de decembro, a exposición Heritagers, que propón unha reflexión sobre o patrimonio arquitectónico e o turismo. O acto inaugural celebrarase ás 19 horas na sede da delegación coruñesa. 

A mostra, que se poderá visitar até o 26 de xaneiro en horario de 10 a 14 horas, está ideada e comisariada polo arquitecto Fernando Agrasar, cun equipo integrado por Laura del Monte, Beatriz Ascanio, Aldara García e Cecilia Martínez –estudantes do Máster Universitario de Arquitectura–, a partir do proxecto realizado nos IV Encontros Residencia Artística no Pazo de Mariñán, organizados no verán de 2023 pola Real Academia Galega de Belas Artes (Ragba) e a Deputación da Coruña. 

Impacto na conservación

Heritagers ofrece unha análise sobre a banalización do patrimonio construído e a súa transformación en ben de consumo. Fernando Agrasar explica que a industria turística ten un importante impacto económico, en concreto un 61% do crecemento da economía estatal en 2023. Estas porcentaxes son só lixeiramente menores na Galiza, supoñendo un 10,4 % do PIB galego e un 11% do emprego.

"Este poderoso motor económico está impulsado por unha serie de atractivos, entre os que se atopa o noso patrimonio construído. Heritagers propón unha reflexión sobre a súa consideración como ben de consumo, cun forte impacto nos procesos de conservación, recuperación e xestión”, destaca.

A mostra intégrana unha selección de 10 imaxes -tomadas no Pazo d e Mariñán (Bergondo) e na sede da Ragba e alteradas dixitalmente de forma parcial- que representan unha serie de escenas sobre o tema, acompañadas por citas alusivas de autores contemporáneos. Heritagers comparte unha reflexión, irónica e transgresora, sobre o fenómeno contemporáneo do consumo turístico do patrimonio construído.

Comentarios