Unha experiencia única para cada persoa: así é o formato audiovisual que evoluciona en función das emocións

Preséntase na Coruña o proxecto 'Emotional Films', un novo formato audiovisual que é capaz de evolucionar a historia en tempo real en función das emocións da persoa espectadora grazas á intelixencia artificial.
Un fragmento do proxecto 'Emotional Films'.
photo_camera Un fragmento do proxecto 'Emotional Films'.

O estudo de cinema de animación e videoxogos Dr. Platypus & Ms. Wombat presenta Emotional Films, un novo formato audiovisual que é capaz de evolucionar a historia en tempo real en función das emocións da persoa espectadora grazas á intelixencia artificial. O proxecto, que xa se dera a coñecer durante as últimas semanas noutras localidades, presentouse este sábado na Coruña, no marco da XXI edición do Congreso Internacional de Mundos Dixitais.

O seu deseñador, o cineasta, deseñador de videoxogos e investigador Carlos Fernández De Vigo, imparte o relatorio 'Art-ificial Intelligence. Unha novo paradigma para creación cinematográfica'. Tal e como detallou o impulsor desta iniciativa, o concepto é "tan flexíbel e personalizado" que é "practicamente imposíbel" que se repita o mesmo contido se un espectador ve "dúas veces, ou 100.000, un produto con tecnoloxía emotional films".

Este logro, destacou, débese a unha complexa arquitectura composta por oito sofisticados modelos de IA interconectados, enormes bases de datos e outras tecnoloxías. Todo iso co obxectivo de ofrecer unha experiencias única, autogenerada en tempo real desde a nube e reactiva ás emocións do espectador.

Segundo explicou, a chave deste proxecto reside en que cando unha persoa está a ver un formato Emotional Films, este tamén está a observar ao espectador co obxectivo de ofrecerlle unha experiencia tan personalizada como desexe.

Os diálogos xéranse en tempo real, as personaxes evolucionan nun sentido ou outro dependendo de gran cantidade de factores: a localización, a hora do día, a idade, sexo e emocións do público ou os contidos.

Así, Fernández De Vigo detalla que "a disrupción que representa a intelixencia artificial está agora na fala da xente. Con todo, hai cinco anos, cando arrincou este proxecto, era un concepto só ao alcance de contornas académicas e de alto nivel de especialización tecnolóxica".

"Traballamos moi duro cando a IA era unha descoñecida. Agora, con IA en todas partes, mostramos os resultados de Emotional Films: un premio para todo un equipo que apostou pola innovación no momento oportuno", valorou.

Comentarios