Análise

Estamos no medio dun gran cambio cultural

Manuel Veiga Taboada é escritor e doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía.
A escritora e activista do feminismo Kate Millet, autora de 'Política sexual'.
photo_camera A escritora e activista do feminismo Kate Millet, autora de 'Política sexual'.

Unha parte das novas xeracións volve estar interesada na lectura e na elaboración de textos críticos. O colectivo Clara Corbelhe constitúe un pequeno exemplo entre nós. En contrapartida, moitas das persoas que atravesan a madurez cren que se perdeu o sentido común, que o mundo retrocede ou que nos preocupamos por miudezas. Volvéronse conservadoras.

A confusión deprime amplas capas da sociedade. A crise deixou en situación precaria moitos arquitectos e encheu as salas de espera dos psicólogos, unha evolución de todo imprevista. A situación só é comparábel, en parte, á dos anos sesenta do século pasado. Vivimos un gran cambio cultural, estamos en medio del, coma se se tratase dunha tormenta.

O medio ambiente, a muller e os países emerxentes son os tres ámbitos ou as tres temáticas que provocan o trastorno actual das mentalidades. Certo que os tres se converteran xa en paradigmas arredor dos anos sesenta. Lembremos o lema 'Nucleares? Non, grazas', a Kate Millet publicando Política sexual ou as independencias africanas. Pero eran paradigmas exclusivos aínda dunha minoría, puras reivindicacións, mentres que agora convertéronse en fenómenos dominantes, hexemónicos, e, como tales, obrigan a mudar os conceptos. Agora falamos de cambio climático, xénero e multipolaridade. 

Ducias de estudos e libros analizan estas transformacións. Non se escribe menos, escríbese máis. O entertainment da sociedade de consumo deixou de ocupar todo o espazo. 

A vella orde

O capitalismo financeiro, virtual e sen límites, como eses animais que nunca se sacian e antes prefiren vomitar, crea ansia nas multitudes e pon en cuestión a viabilidade do planeta. Como consecuencia inversa, unha parte das novas xeracións comeza a contemplar as teorías do decrecemento, non tanto xa como unha utopía, senón talvez como unha necesidade a corto ou medio prazo. As mulleres e o movemento Lgtbi non denuncian situacións novas, senón discriminacións históricas. Non inventan nada que non houbese antes. A diferenza está en que o foco apunta ao que até agora non se quería ver, ilumina as zonas de sombra. Algúns dos países que se independizaron hai sesenta ou setenta anos ocupan xa un lugar como potencias rexionais. Varios son grandes produtores de enerxía e case todos comezan a estar moi poboados. 

Algúns dos países que se independi-zaron hai sesenta ou setenta anos ocupan xa un lugar como potencias rexionais

O seu obxectivo xa non é colocar unha bandeira máis no edificio das Nacións Unidas, senón contar con verdadeira voz en organismos internacionais, como o Fondo Monetario ou o Banco Mundial. De non conseguilo, ensaiarán novos camiños como o dos Brics.

Á hora de interpretar a realidade de hoxe, non deberiamos falar de loita de xeracións, pero é certo que a máis idade, ou a máis poder nalgún ámbito, máis dificultades tamén para entender todo isto. Propietarios de terras e predios, asimilados ao extractivismo e ao desarrollismo, negan que a natureza sufra; varóns coa súa autoridade cuestionada preguntan insidiosamente que é entón unha muller e teóricos do eurocentrismo consideran que a multipolaridade non é máis que a competencia entre varios imperialismos. Incapaces de recoñecer os cambios, refúxianse no vello axioma, lembrado por Lobo Antunes: "A ordem natural das coisas". É a vella orde da que sempre teñen saudades os conservadores, aquela na que se senten cómodos, porque para eles é precisamente "o natural", nunca un privilexio.

Os tempos cambian

Con todo, cada novo ámbito de avance móvese con independencia dos demais e a moi distinta velocidade. Hai africanistas, musulmáns e países asiáticos antiamericanos que oprimen as mulleres e industrias que abandeiran a loita contra o cambio climático no seu territorio ao mesmo tempo que espolian o litio de América do Sur. O debate faise máis complexo e irredutíbel e de aí a súa diferenza maior coa pasada política de bloques.

Os países Brics din asumir xa esa diversidade. Xeografía, relixión e política son notoriamente diferentes entre moitos deles, o que os obriga a aceptar que ningún diálogo estará no futuro libre de contradicións. Occidente permanece, porén, parado, acudindo constantemente ao recurso da ameaza encuberta, ao incumprimento das súas promesas diplomáticas e finalmente á guerra. A angloesfera e con ela a UE aínda non asumiron o cambio cultural ou, cando menos, non todo el. Seguen a crer nunha teoría unilateral e homoxénea. 

Pero pronto haberá, sen dúbida, algunha canción equivalente á aquela vella de Dylan, Os tempos están cambiando, agora tal vez cantada.

Comentarios