A escultura galega triunfa alén do país

Os artistas Manolo Paz e Fernando Leiro contan estes días con senllas exposicións en Madrid, que demostran que a calidade da arte escultórica da Galiza segue a dar moito que falar. 'A distancia que nos une', de Paz, e 'A filla da porteira' de Leiro, reivindican o potencial cultural do país, tanto dentro da Galiza como a nivel internacional.
Unha das obras que integran a exposición de Manolo Paz, no exterior do Museo Thyssen-Bornemisza. (Foto: Fundación Max Estrella)
photo_camera Unha das obras que integran a exposición de Manolo Paz, no exterior do Museo Thyssen-Bornemisza. (Foto: Fundación Max Estrella)

Os exteriores dos principais espazos culturais de Madrid contarán até final de ano coa presenza de máis dunha decena de pezas escultóricas do artista Manolo Paz, ao abeiro da mostra A distancia que nos une.

A praza do Concello de Madrid, a contorna do Museo do Prado, os xardíns  do Museo Thyssen-Bornemisza e a Biblioteca Nacional, entre outros, son algúns dos enclaves escollidos para  situar as obras do escultor.

O primeiro aniversario da escolla do Paseo do Prado e o Bo Retiro como Paisaxe da Luz da Unesco foi o que motivou que se impulsase esta mostra que repasa algunhas das obras máis coñecidas de Manolo Paz.

Neste sentido, a mostra foi posíbel grazas a un convenio de colaboración entre diferentes institucións e a galería madrileña de arte Max Estrella, baixo o comisariado de David Barro.

En total, son cinco os conxuntos escultóricos que integran a exposición: Bolboreta, Menhir, Transparencias, Diálogo e Espellos do Camiño. Ningún dos conxuntos é de nova creación, senón que xa estaban expostos na Fundación Manolo Paz de Arte Contemporánea e formaran parte doutras mostras. Por exemplo, Espellos do Camiño foi inaugurada en decembro de 2020 na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.

Exposición de Francisco Leiro

Pola súa parte, a Galería Marlborough, tamén en Madrid, acolle a exposición A filla da porteira, do artista Francisco Leiro. A mostra foi inaugurada o pasado 8 de setembro, e estará aberta até o vindeiro 19 de novembro.

Composta por tres bloques, a exposición xunta varias pezas escultóricas coas que Francisco Leiro "obxectualiza o corpo humano e humaniza os obxectos".

A filla da porteira serve de continuación da anterior mostra que o escultor galego tivo na Marlborough, Corpo inventado (2018). Precisamente, a peza coa que comeza a actual exposición foi descartada na anterior. Nesta ocasión, a súa escolla estivo argumentada na necesidade de estabelecer un nexo de unión entre as dúas mostras.

"As figuras de Leiro esperan, de pé ou recostadas, ensimesmadas ou cunha intención clara, e de esa espera xorde o sentido  da escena", explicou o comisario da exposición, Ángel Calvo Ulloa, que salientou a "preocupación· de Leiro pola relación entre a obra e a súa contorna.

Comentarios