As Escolas Semente e o Concello da Coruña comemoran o centenario da Escola de Ensino Galego das Irmandades da Fala

A entidade educativa popular e o goberno municipal herculino organizan o próximo 23 de Abril un acto de homenaxe que incluirá a instalación dunha placa conmemorativa no lugar onde se localizaba a primeira sede do centro educativo Irmandiño.
Cadriño de 'Cousas', de Castelao.
photo_camera Cadriño de 'Cousas', de Castelao.

As Escolas Semente Escolas e o Concello da Coruña celebran o centenario da Escola de Ensino Galego das Irmandades da Fala. A entidade educativa popular e o goberno municipal herculino organizan o próximo 23 de Abril un acto de homenaxe que incluirá a instalación dunha placa conmemorativa no lugar onde se localizaba a primeira sede do centro educativo Irmandiño.

A Escola de Ensino Galego foi unha iniciativa educativa popular e gratuíta das Irmandades da Fala, caracterizadas polo seu espírito galeguizador, laico e pedagoxicamente innovador, que se desenvolveu entre 1924 e 1930 na cidade da Coruña. O centro educativo, que contou co maxisterio do editor Ánxel Casal e do profesor Manuel Luís Acuña, abriu as súas portas na praza de Maria Pita o día 23 de abril de 1924, nun momento histórico no que tanto a lingua galega como o currículo vencellado á realidade do país estaban prohibidos e perseguidos no sistema educativo estatal.

Homenaxe ao centenario da escola irmandiña

O programa do evento, apoiado por máis de dez entidades sociais e culturais da cidade, será presentado polo artista Xurxo Souto, a partir das 11 horas da mañá coa chegada de alumnado de todas as escolas de Semente á praza de María Pita. Posteriormente, descubrirase a placa na fachada do predio nº17, que acollía a escola irmandiña, por parte da Alcaldesa da cidade, Inés Rei García, e o coordinador da Escola de Ensino Galego Semente, Santiago Quiroga García. A continuación, intervirán os representantes citados, xunto co catedrático de Historia da Educación, Antón Costa Rico, e o alumno da Semente Compostela, Tiago Abal.

O programa contará coa actuación musical de Cántigas da Terra, ademais de xogos e paseos didácticos dramatizados, representados polo grupo Os Quinquilláns. O itinerario decorrerá desde a praza de María Pita até a rúa Real 36, segundo local da escola, onde tamén estaba a casa de María Miramontes e Ánxel Casal, as editoras Lar e Nós e a administración de A Nosa Terra, así como a sede da Irmandade coruñesa.

Posta en marcha dunha web temática e dun documental

Co obxectivo de divulgar esta destacada experiencia educativa, as Escolas de Ensino Galego Semente publican a páxina web escolairmandinha.semente.gal, con recursos audiovisuais, unidades didácticas, folletos divulgativos e artigos científicos para afondar no seu coñecemento. Do mesmo modo, poderase acompañar o lanzamento en directo do documental Aprender na língua própria, das Escolas de Ensino Galego à Semente, o día 23 de abril, ás 20 horas.

Trátase dun traballo audiovisual, financiado pola Deputación da Coruña e a base social de Semente, que estabelece un diálogo aberto entre épocas que conflúen en problemáticas educativos semellantes: discriminación lingüística, centralismo educativo e minorización cultural, mais tamén da resposta que historicamente foi desenvolvida por parte do pobo galego a través da iniciativa educativa popular. 

Comentarios