'Nós Diario' lanza un caderno sobre Ánxel Casal e a edición na Galiza

Publicación especial no Día Internacional do Libro.
Antón Mascato e Patricia Arias escriben este caderno cuxa capa foi ilustrada  por Héitor Picallo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Antón Mascato e Patricia Arias escriben este caderno cuxa capa foi ilustrada por Héitor Picallo (Foto: Nós Diario).

A próxima terza feira, 23 de abril, Día Internacional do Libro, Nós Diario achegará o caderno Ánxel Casal. Memoria de Nós, unha edición conmemorativa desta data que pon de relevo unha figura pioneira da edición na Galiza, Ánxel Casal. "Cremos que na reivindicación do libro e da industria cultural propia ficaba na sombra unha figura de luz, poliédrica como poucas, Ánxel Casal", sexa pola súa vertente política, cultural ou editorial; sosteñen o autor e a autora dos textos do caderno, Antón Mascato e Patricia Arias Chachero. Destacan de Casal o seu compromiso republicano e coa democracia e o seu papel como un dos creadores e dirixentes do Partido Galeguista, o seu traballo como alcalde nacionalista de Santiago de Compostela e como promotor do Estatuto de Autonomía da Galiza de 1936. Remarcan, á par, a súa dimensión culturalista, animando as Irmandades da Fala, e recordan a súa implicación como actor na Escola Dramática Galega e tamén nas Escolas do Ensiño Galego, das que neste 2024 se conmemoran os seus 100 anos. E, por suposto, o traballo de Casal foi inxente como "grande editor nacional que foi" desde a creación en 1924 da editorial Lar, con Carré Alvarellos, e de Nós, en 1927, xunto a María Miramontes, con quen casou en 1920. Este caderno é pois  unha homenaxe a quen foi o gran "facedor" do libro galego, como o denominan Mascato e Arias Chachero. "O editor insubornábel, que dedicou, desde 1924 a 1936, todos os seus esforzos á creación dunha industria editorial que dese latexo material á actividade intelectual galega", dixera Fernández del Riego sobre o propio Casal. Neste caderno de Nós Diario, Mascato e Arias Chachero reflexionan como era o libro, na altura e aínda hoxe, unha boa maneira de divulgar a cultura e o coñecemento e a iso entregouse Casal de corpo enteiro até o seu asasinato en 1936 polo franquismo. 

Casal, o libro e Nós

Abril, alén de ser o mes en que cadra o Día do Libro, é tamén o mes en que a editorial Lar asentou na Coruña (1924), no que traslada a editora a Santiago (1931) e no que muda a súa empresa da rúa das Hortas á do Vilar (1933).

Á introdución sobre o propio caderno coas chaves sobre Casal e a edición galega, titulada Ánxel Casal, o libro e Nós; segue Quen matou a Ánxel Casal? Algunhas suposicións. Mascato e Arias Chachero procuraron para este artigo os nomes do vitimario de Casal, tanto no que se refire ao seu asasinato, como no que ten que ver coa súa "segunda morte": o exterminio daquela industria de publicacións que simboliza, aínda hoxe, a grande editora nacional que amputaron á sociedade galega. Neste sentido, o caderno inclúe a relación completa do espolio da editorial Nós, relación realizada por ambos os autores, así como o artigo Tres expedientes xudiciais. O espolio do patrimonio de Ánxel Casal.

Impulso da lingua e da Galiza

A traxectoria política de Ánxel Casal estivo estreitamente vinculada a un intenso labor cultural, a través da súa faceta de impresor e editor e do impulso á normalización da lingua galega. Tanto el como a súa muller, María Miramontes, tiveron unha importancia destacada en diversos proxectos tanto para Santiago como para o conxunto do país, como proba a fotografía que recolle a presenza de ambos os dous na entrega do Estatuto da Galiza de 1936 en Madrid.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios