'Encontros na Oralidade' valoriza o mar de Arousa

As xornadas revivirán testemuños do 'Prestige'
Roberto Mera Covas falará dos refuxiados leais á II República (Foto: Nós Diario).
photo_camera Roberto Mera Covas falará dos refuxiados leais á II República (Foto: Nós Diario).

Por terceiro ano consecutivo, as Asociacións Lobishome Producións e a da Memoria Histórica do Grove promoven, co patrocinio da Deputación de Pontevedra, as xornadas "Encontros na Oralidade" nas que o centro de atención deste ano será o mar de Arousa, visto desde diferentes perspectivas: a dos naufraxios, a das fuxidas ao exilio e a dos desastres medioambientais, "coa vontade de pór en valor o mar e as xentes que o habitaron", sinalan desde a organización. Nos encontros, que terán lugar esta sexta feira e este sábado, participarán diversos especialistas no patrimonio marítimo.

Con estas xornadas, buscan "pór o foco na cultura inmaterial do mar de Arousa" e queren reflexionar sobre a memoria colectiva do mar, "aquela que comunidades mariñeiras herdaron xeración tras xeración".  

Programación

Na xornada de esta sexta, o xornalista e historiador Xosé María Fernández Pazos relatará os sucesos acontecidos arredor do naufraxio do barco de pasaxe Santa Isabel, no arquipélago de Sálvora (Ribeira), que tivo unha gran resonancia na parroquia do Grove. A palestra será moderada por Francisco López Franco, 'Chesqui'.

Na xornada de deste sábado, o historiador Roberto Mera Covas, nunha palestra moderada polo editor Antón Mascato, falará sobre o destino que tiveron os refuxiados leais á II República e a toma de accións para o salvamento de miles de refuxiados. 

Tamén o sábado, terá lugar unha segunda palestra na que se revisarán as causas e as consecuencias do desastre do Prestige, vinte anos despois.

O encontro dará comezo coa proxección dun breve documental titulado A Resistencia na Batería de San Vicente, onde o Grove centralizou os labores de loita contra a marea negra, obra de Nano Besada Caneda, que tamén estará presente.

Na palestra participarán protagonistas directos daquel episodio como Francisco Igrexas, patrón do pósito do Grove na época; Gabrielle Freiin Von Hundelshausen, cidadá alemá que participou nos traballos voluntarios de limpeza; e Xesús Domínguez, o grovense que coordinou o voluntariado nos traballos de retirada do fuel dos areais da localidade. A palestra será moderada por Rosa María Fernández, divulgadora e técnica do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar).

Comentarios