Contracultura

Ana Bulnes, Raquel Campos e María Ramos "Emma é unha protagonista coa que te podes sentir identificada porque é moi adolescente"

Ana Bulnes (Gondomar, 1984), Raquel Campos (Santiago, 1984) e María Ramos (Vigo, 1984) foron as encargadas de realizar as anotacións de 'Emma' (Rinoceronte), a novela de Jane Austen recentemente editada pensada especialmente para o público xuvenil.
A obra Emma contou co traballo de María Ramos, Raquel Campos e Ana Bulnes. (Foto: Lucía Neira)
photo_camera A obra Emma contou co traballo de María Ramos, Raquel Campos e Ana Bulnes. (Foto: Lucía Neira)

-Como se anota unha obra a seis mans?
Raquel Campos: Sushi Books, o selo de Rinoceronte, estaba pensando en facer unha edición anotada para adolescentes. Isto non significa que sexa unha edición resumida, é a obra tal cal, mais leva unhas notas que poden axudar a que este público comprenda mellor a obra. Puxéronse en contacto con nós porque sabían que eramos entusiastas de Jane Austen e aí comezou todo. Empezamos repartindo os temas para non escribir todas sobre o amor ou os medios de transporte e unha vez que isto estivo claro cada quen fixo as súas notas. Estivemos facendo unha investigación que tamén foi moi comentada porque fixemos un grupo de WhatsApp para a edición.

Ana Bulnes: Cando decidimos pórnos mans á obra, a primeira pregunta para nós mesmas tamén foi como o iamos facer. A min sempre me chamou a atención ver obras escritas a catro ou seis mans, mais grazas a esta experiencia fomos descubrindo como se facía.

-Mudou a súa relación coa obra?
María Ramos: Cada unha de nós tiña unha relación diferente con Emma. Para min é un dos meus libros de confort que leo cada certo tempo. Raquel coñece bastante a obra de Jane Austen e tamén ten escrito bastante sobre as distintas partes da súa obra. E Ana coñece Jane Austen, mais aínda non lera Emma. Por iso é curioso, porque creo que nos impactou tamén de maneira diferente e creo que tivo moito que ver coa forma na que anotamos. No meu caso si que cambiou a miña relación con Emma porque acabas por facer unha análise en profundidade, reparas en temas que antes non o fixeras... Nese reparto de temas que fixemos eu me pedira a comida porque era algo que sempre me chamara a atención.

A.B.: Eu fixen unha primeira lectura previa a comezar a investigar e a anotar e creo que influíu nalgunhas cousas que están na edición. Por exemplo, no inicio hai un quen é quen porque eu mesma me perdía na primeira parte do libro e non acababa de saber quen eran algúns personaxes. Elas xa coñecían a obra e xa viran as adaptacións, mentres que eu non, polo que non tiñan esas dúbidas que eu tiña.

-Cren que a rapazada pode conectar con Emma ou, en xeral, con Jane Austen?
R.C.: Sempre temos este temor, mais dentro das autoras clásicas, se cadra, Jane Austen é unha das máis accesíbeis. Son historias moi complexas, mais cunha superficie que todas coñecemos. Por exemplo, Emma é unha comedia romántica. Jane Austen usa códigos que hoxe en día non nos resultan nada sorprendentes porque forman parte da cultura popular. Neste caso ademais, fixemos as anotacións que nós como lectoras quereríamos ter. Aclaran certos aspectos que non entendíamos ben ou que axudan a comprender o contexto. Mais non é algo que só se poida ler na adolescencia, diría que é a partir de maiores de 13 anos.

M.R.: Emma é unha protagonista coa que te podes ver identificada porque é moi adolescente e, como dicía Raquel, utiliza códigos moi actuais. De feito, a propia Jane Austen díxolle a súa sobriña que Emma era unha heroína que non lle ía gustar a ninguén, só a ela.

A.B.: O éxito de Jane Austen con Emma tamén é non só que ti te poidas identificar coa protagonista, senón que recoñeces os demais personaxes. Todas coñecemos unha señora Elton. Os distintos tipos de persoas están moi ben descritos e identificados.

R.C.: Algunhas persoas adultas ás veces tamén pensan que se un libro leva a etiqueta de xuvenil xa non é para elas e para nada é así. As anotacións que fixemos non son como as típicas dos clásicos, pensadas para público especializado. Buscamos que foran accesíbeis, ligadas á rexoubada histórica, porque son as cousas que nos interesan a nós. De feito, houbo un tema que nos quedou sen pór, porque non atopabamos onde ancorala e porque nalgún momento tiñamos que parar de investigar, que é o que pasaba coa menstruación.

Comentarios