Emilio Fonseca e Sonia Méndez estrearán no Festival de Málaga

O certame andaluz desenvolverase entre o 1 e o 10 de marzo
Un fotograma de 'As Neves', de Sonia Méndez.
photo_camera Un fotograma de 'As Neves', de Sonia Méndez.

O filme Salvaxe, salvaxe, primeira longametraxe do director ourensán Emilio Fonseca, terá a súa estrea mundial o vindeiro mes de marzo dentro da sección oficial de documental do Festival de Málaga.  

Trátase dun documental producido por Xiana do Teixeiro, de Walkie Talkie Films, e construído tras unha longa investigación que se achegou á realidade material das "terras de lobo", en soidade e na compaña dun equipo científico. O traballo, en palabras do director, "achégase aos modos de ollar e as imaxes producidas desde a ciencia, a arte e a sociedade en relación ao planeta vivo, sinalando como estas maneiras de mirar son clave para como nos posicionamos e relacionamos co resto de seres cos que convivimos". 

A Emilio Fonseca e Xiana do Teixeiro, acompáñaos neste novo filme un equipo de artistas e creadoras galegas entre os que destaca o compositor experimental ferrolán Ángel Faraldo, a cargo da música orixinal, o compostelán Xoán-Xil López a cargo do deseño sonoro, ou a viguesa Laura Iturralde, á fronte dos efectos especiais. 

 

"As neves" de Sonia Méndez

Tamén As Neves, de Sonia Méndez, competirá pola Biznaga na Sección Oficial da 27º edición do certame malagueño.  En palabras de Méndez, "é moi alentador para min que o Festival de Málaga aposte por unha ópera prima, en galego e con actores debutantes mozos". 

O filme é un drama adolescente ambientado nunha vila ficticia chamada As Neves, que se achega con mirada íntima á xeración moza que vive no contraste entre a hiperconexión e o illamiento. Está protagonizada por Andrea Varela, David Rodríguez Fernández (Live is life) e Antía Mariño, aos que se suman outros novos talentos debutantes, e conta coa colaboración especial de Lucía Veiga (Rapa, A desorde que deixas). 

A directora lembra o seu paso polo WIP  da pasada edición do MAFIZ, do que formou parte As Neves: "Estou moi contenta de que se estree aquí por onde xa pasou na última edición no work in progress. Unha honra que vaia nevar en Málaga en marzo!». Ademais de Málaga,As Neves participou nos prestixiosos laboratorios de desenvolvemento de Torino Film Lab e Sources.

Comentarios