Recta final da gravación do filme 'As Neves'

Sonia Méndez dirixe a súa primeira longametraxe situada na Fonsagrada
Proceso de gravación de 'As Neves' na Fonsagrada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Proceso de gravación de 'As Neves' na Fonsagrada. (Foto: Nós Diario)

As Neves é a primeira longametraxe da directora e guionista viguesa Sonia Méndez. O proceso de filmación da película, que comezou a mediados de decembro, encara agora a recta final. A peza, producida por Cósmica Producións, conta a historia dun grupo de adolescentes que na noite de Entroido saen de festa na vila. Durante a celebración, comeza a moverse por internet un vídeo íntimo dunha das rapazas quen, coa preocupación, desaparece. 

“A película trata sobre como as amizades da moza xestionan a situación e a culpa, pois algunhas das persoas do grupo gravaran e difundiran o vídeo”. Así o explica a produtora executiva de As Neves, Nati Juncal, a Nós Diario. “A película trata dunha metida de pata que se lles foi das mans [aos protagonistas] e da que teñen que aprender a responsabilizarse por todo o que acontece despois”.

Se ben a longametraxe estase a gravar en diferentes localizacións, como Lugo ou Santiago de Compostela, a historia decorre maioritariamente no concello da Fonsagrada. “Buscabamos un lugar un pouco remoto, no que a natureza tivese unha gran presenza e onde tamén nevase moito”. A Fonsagrada é unha vila situada a 1.000 metros do nivel do mar e rodeada de montañas, polo que “cumpría os requisitos do imaxinario da película”. 

Juncal sostén que a rodaxe está a resultar moi gratificante. “O Concello da Fonsagrada pono todo moi fácil, déixanos gravar en lugares que dependen del e non estamos atopando problemas”. Con todo, explica que aínda non nevou, mais "era algo previsíbel; xa contabamos con deixar algunha xornada para gravar máis adiante cando haxa neve". Na gravación da película están a traballar máis de 60 persoas, entre as 45 do equipo técnico e os actores e actrices.

Segundo opina Juncal, a peza trata temas actuais que poden interesar a calquera tipo de público. “O drama adolescente é unha temática común a moitas idades, xa que todos pasamos por esa etapa”. Ademais, engade que o filme “está situado na época actual e trata un tema que está á orde do día -a difusión de vídeos íntimos sen permiso pola rede- polo que si cremos que pode interesar”.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asistiu onte a unha das sesións de rodaxe da longametraxe, xa que o proxecto tamén conta co apoio da Xunta. Durante a visita, tanto Juncal como a propia Sonia Méndez explicaron a evolución do traballo que están a realizar.

Comentarios