Xiana do Teixeiro, cineasta: "Para calquera tipo de discurso político o cinema pode ser un dispositivo de loita"

Xiana do Teixeiro traballa na pantalla a identidade e a construción de xénero (Emilio Fonseca)
photo_camera Xiana do Teixeiro traballa na pantalla a identidade e a construción de xénero (Emilio Fonseca)

Directora de cine e produtora. Se fosen outras as circunstancias se cadra a súa profesión tería que ver coa música ou con escribir, mais conquistouna a gran pantalla. Os seus traballos abordan o relato íntimo, a identidade e a construción do xénero. Súa é Tódalas mulleres que coñezo (2018), que aínda viaxa polos festivais europeos.

Como produtora é difícil chegar a facer realidade proxectos cinematográficos na Galiza?

Non estou inscrita a ningún tipo de industria. Son axente cultural marxinal. A pesar de que agora produzo, mesmo filmes que non son meus, de modo sostíbel. Para min o concepto chave na economía actual é a sostibilidade. Non me interesa especialmente a cuestión industrial. No Estado español falar de industrias culturais, que é o termo que empregan as Administracións, paréceme ilusorio.

Aposto por unha práctica artística marxinal, se é que a podemos chamar así xa que sinto que todos os termos que poidamos empregar para falar de industrias culturais están cargados dunha ideoloxía que nos leva á inacción e non estou conforme. Hai un tipo de cinema ao que normalmente se lle di que non é para o gran público. Eu teño comprobado, na miña experiencia até agora, que iso non é verdade. Eses espazos de encontro co público tamén se poden propor desde os propios filmes. 

De que maneira pode o cine construír colectividades formadas no pensamento crítico en cuestións de xénero?

Moitas veces pensamos no cinema como nunha fiestra cara a fóra, para ver novas realidades. Esa idea das primeiras cineastas, dos enxeñeiros que inventaron o cinema e tamén as outras pantallas máis domésticas. Unha xanela para achegármonos a iso que non coñeces e que non nos é próximo. Mais o cinema funciona tamén como espello no que temos a posibilidade de mirarnos de maneira bastante frontal.

Coido que unha práctica cinematográfica que incida e que propoña un espazo á persoa espectadora o suficientemente incómodo como para que non se apoltrone demasiado pode ser un espazo interesante para revolver. Vexo que no cinema cando propoñemos iso recóllese e pasa algo na sala. Non se limita ao consumo en serie, bulímico, senón que após o visionado faise necesario un tempo de reflexión. 

Creo nas prácticas cara ao colectivo desde o cinema, mediante esa relación moi íntima coa persoa espectadora, nesa escuridade. Para calquera tipo de discurso político e para a súa consolidación, o cinema pode ser un dispositivo de loita, mesmo celebratoria. Para min pode ligarse coa máxima feminista clásica de "se non podo bailar non é a miña revolución". O cinema pode achegar un certo goce estético, mais desde logo ten moito espazo e hai filmes cunha gran carga política.

En que proxecto está agora?  

Chamase Crías e é unha película na que exploramos a cultura de dormitorio adolescente feminina e, en concreto, na que nos achegamos ao diario, ese libriño que che regalan na túa infancia que se fecha cun cadeado. Levo varios anos recompilando diarios escritos na adolescencia por mulleres agora adultas. 

O filme propón sacar da escuridade, do ostracismo histórico, uns documentos que foron politicamente irrelevantes saídos da cultura feminina de dormitorio. Asomámonos a un relato da infancia e da adolescencia feminina que pon en cuestión outros relatos moito máis oficializados que existen sobre o mesmo fenómeno, como os que se contan a través do albúm familiar, do arquivo de vídeo doméstico, da propia memoria familiar e da memoria das autoras cando son adultas, influenciadas por todos estes dispositivos que lles ofrecen a elas unha versión editada do que foi a súa infancia, a súa adolescencia e a súa xuventude.

Tecemos unha sorte de biografía apócrifa dunha nena a través de combinar moitos materiais íntimos distintos e lanzamos moitas preguntas que non só se refiren á súa adolescencia, senón a toda a súa vida. A incomodidade de algo que penso que é especialmemte feminino, de negar o pasado e ter que reeditalo.

Comentarios