CONTRACULTURA

Eli García: "Cada vez hai máis protagonistas femininas nos cómics, sobre todo nos feitos por mulleres"

Eli García publica o libro de banda deseñada O grande aviario.
Eli García ten participado noutros proxectos editoriais como ilustradora. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Eli García ten participado noutros proxectos editoriais como ilustradora. (Foto: Nós Diario)

Eli García dá o salto da ilustración científica á escrita coa súa primeira banda deseñada, O grande aviario (Antela Editorial), na que se somerxe nos lugares máxicos e misteriosos por descubrir, no medio ambiente, no valor da amizade e, por suposto, nas aves. 

Cales son as súas sensacións tras dar o salto da ilustración científica á súa primeira banda deseñada?

Son formas moi diferentes de traballar. A ilustración científica require aplicar unha técnica debuxando algo que xa existe, que é real, polo que non tes que pórte a inventar nada. Por outro lado, a banda deseñada require preparar unha historia, un guión técnico, o desenvolvemento de personaxes... No caso de O grande aviario hai moitísimas aves que ademais están humanizadas para crear a historia, cada unha ten a súa propia personalidade, polo que hai todo un proceso creativo detrás. Claro, é máis complexo, pero tamén é máis satisfactorio porque é algo co que ti tes que traballar. Foi unha experiencia coa que quedei súper contenta, pois, ademais, Alba e Xavier, de Antela Editorial, deixáronme carta branca para facer o que quixese cos únicos requisitos de que fose algo breve e dirixido a crianzas. 

De onde lle vén ese interese polo ecoloxismo?

Supoño que é unha mestura dos tempos nos que vivimos, nos que temos máis conciencia ecolóxica, mais tamén porque tiven a sorte de ser unha nena que aínda xogaba na rúa. Non existía a tecnoloxía e eu tiña o meu grupo co, que ía a colarme nas hortas, xogabamos moito na natureza, observándoa. Teño a sensación de que a vida era máis calmada e creo que iso é algo que se reflicte na obra. Creo que hai que ser ecoloxista e ter conciencia do mundo que nos rodea. Eu son de 1983 e xa daquela se falaba do burato na capa de ozono, había unha preocupación polo que ía pasar, e 30 anos despois non só non detivemos todo iso senón que o maximizamos aínda máis. Non hai unha conciencia global. 

Ao final, o que podemos facer nós é reciclar, usar o transporte público, non ir en avión... Esa é unha decisión moi radical que tomamos na miña casa, porque apenas viaxamos, mais para min non tería sentido facer ben todo o demais e logo coller un avión. Tamén é certo que moitas veces as institucións poñen nas nosas mans toda a responsabilidade: nós temos que deixar de facer certas cousas cando logo non hai un reflexo diso na lei ou noutros aspectos. 

Temos unha responsabilidade a pequena escala, mais desde os gobernos teñen que actuar xa. Non serve de nada que poñan contedores de cores se logo non aproban políticas que avancen neste sentido. Ou que nos fagan crer que para volvernos ecoloxistas temos que mercar coches eléctricos sen falar da contaminación e dos recursos explotados noutros países que supón a construción das baterías. É absurdo. 

O grande aviario é unha historia protagonizada por Lea e Íar. Cre que cada vez hai máis protagonistas femininas na banda deseñada?

Penso que si, sobre todo na que está feita por mulleres, aínda que tamén os homes comezan a admitir que pode haber heroínas ou aventureiras. Tamén pode ocorrer que haxa unha certa paridade en canto a personaxes, mais que non se chegue a cumprir unha igualdade total. Depende moito da persoa que crea as historias. En O grande aviario tiña moi claro que ía haber protagonistas femininas porque cando eu era nena tiña moi poucas referentes, como lle ocorrería a moitas outras persoas. 

Con todo, si que é certo que cando creaba as aves e lles daba unha personalidade custoume como buscar os roles femininos dentro desas pequenas historias. Parecía que para identificar as femias dos paxaros dalgunha forma tiña que pórlles vestidos ou colares, porque se lles pos un pantalón ou unha camisa pasan a ser personaxes masculinos. E todo iso é por unha aprendizaxe que temos interiorizada: a tendencia a masculinizalo todo. Resultábame confuso ter que feminizar eses personaxes femininos e foi o que máis me custou, porque sempre trato de que os valores que eu teño se vexan reflectidos nas historias que creo. 
 

Comentarios