Contracultura

Elena Cristóbal: "Queremos que o alumnado teña acceso a miradas poéticas distintas para ir conformando a propia"

Elena Cristóbal (Bilbo, 1965), é a directora da escola de arte ECO, que este ano chega ao seu 20 aniversario. Cristóbal aborda o percorrido da escola e algúns dos obxectivos que se foron marcando ao longo deste tempo.
A escola de arte ECO ten como directora Elena Cristóbal, licenciada en Belas Artes. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A escola de arte ECO ten como directora Elena Cristóbal, licenciada en Belas Artes. (Foto: Nós Diario).

—Despois de 20 anos, cal é a lectura que fai do percorrido de ECO?
Comezou sendo unha escola máis pequena, pero é certo que sempre tivemos a mesma vocación. Nos cinco primeiros anos xa chegamos ao formato actual, aínda que con algúns cambios. Por exemplo, antes faciamos obradoiros para crianzas, que despois desapareceron. Con todo, como digo, a filosofía en xeral si que se mantivo. A idea era pór en marcha unha escola na que se desenvolveran proxectos de creación. Así, todas as formacións que temos agora mesmo en diferentes disciplinas teñen unha parte de aprender o oficio, mais tamén hai outra parte de realización de proxectos individuais para aquelas persoas que estean interesadas.

Queremos que as persoas sexan quen de desenvolver a súa mirada persoal, de desenvolverse como creadoras, ben na fotografía, no cómic, na pintura ou no debuxo. Nesta liña, sempre quixen convidar a persoas que fun coñecendo e que me parecían interesantes, artistas que teñen algo que ofrecer co obxectivo de enriquecer a experiencia do alumnado da escola.

Estes obradoiros sempre tiveron o foco no propio proceso artístico da persoa á que convidamos. Por exemplo, levamos anos colaborando con María Meijide, que ten unha obra moi interesante de cadernos de viaxes, de maneira que facemos obradoiros de acuarela rápida, que implican estar na rúa e debuxar o que tes diante. No curso pasado tamén fixemos con ela un obradoiro de pintura erótica, xa que é un tema que tamén está moi presente na súa obra.

—Este acompañamento facilita a educación da propia mirada?
A min sempre me pareceu moi interesante, e por iso quixemos incorporalo desde o primeiro momento para que o alumnado puidera ter acceso a miradas poéticas distintas e así ir conformando a súa propia. E por iso tamén as temáticas dos obradoiros foron tan diferentes ao longo do tempo, desde as que estaban ligadas ás áreas de debuxo, cómic ou fotografía da escola, até outras máis diversas, como os talleres de cerámica ou incluso de cine, estes últimos impartidos hai un par de anos por Jaoine Camborda. Tampouco quedamos aí, senón que fixemos moitas exposicións ao longo destes anos, editamos unha revista de cómic así como varios libros. En 20 anos dá tempo para moitas cousas.

—Percibiu diferenzas entre as disciplinas que máis chamaban a atención ao longo destes anos?
Comezamos coas clases de cómic sendo os primeiros de Santiago, algo que ocorreu tamén coa acuarela. Doume de conta de que cada vez que temos sacado algunha cousa nova hai un grande interese durante os primeiros anos e logo queda nunha cousa máis moderada e estábel. Os obradoiros e formacións que xa non están dispoñíbeis foron desaparecendo por causas naturais, como a incompatibilidade de axendas co profesorado.

Neste sentido agradezo o labor das dúas persoas que están agora mesmo máis implicadas na escola xunto a min, porque é o que permite ter esta continuidade. Fuco Reyes leva gañados 15 LUX (Premio Fotografía Profesional de España), é o director do Fotoforum Compostela e ademais imparte clases de historia da fotografía no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Por outra banda, Tomás Guerrero leva editadas sete bandas deseñadas e precisamente a última, Os suicidantes, foi sinalada como un dos cinco mellores libros galegos de 2023.

Comentarios