Diego Ameixeiras novela a fraude das preferentes en “Matarte Lentamente”

“Aquí vai haber sangue” di un prefrentista na xuntanza na que un avogado explica que as preferentes son emisións perpetuas. Diego Ameixeiras volve á actualidade para novelar unha loita que aínda esta fin de semana protagonizaba unha multitudinaria manifestación. Matarte lentamente é unha das novidades de outono en Xerais. 

diego

A fraude das preferentes xa ten novela e Diego Ameixeiras é o seu autor. Matarte Lentamente, que chega ás librarías neste outono, converterá en historia literaria á maior estafa protagonizada por entidades financeiras nos últimos tempos. A novela negra, xénero privilexiado na traxectoria de Ameixeiras, é a fórmula empregada para relatar a loita de preferentistas para defenderen os seus intereses. 

Xornalista, escritor e guionista, non é a primeira vez que Ameixeiras recría a realidade a través da novela negra. En Asasinato no Comité Central, o escritor relataba o asasinato dun parlamentario do Bloque Nacionalista Galego á saída dunha xuntanza do Comité Central. Unha morea de personaxes da vida política galega atravesaban as páxinas creadas por Diego Ameixeiras, con nomes figurados mais facilmente identificábeis o que fixo que a novela tivese un singular impacto. 

En Todo OK, o escritor adentrábase no narcotráfico por medio da historia dunha muller que tenta evitar entrar no cárcere malia estar implicada nun delito. Con Tres Segundos de Memoria fíxose co Premio Xerais en 2006, ao contar o “post´fracaso” dun mozo parado e sen moitas expectativas. Da man de Ameixeiras naceu o detective Horacio Dopico, protagonista tamén dalgunha das súas historias policiais.