martes 07.04.2020
Cultura

Os detalles que marcan as diferenzas das principais máscaras galegas

Cigarróns de Verín, Peliqueiros de Laza, Felos de Maceda ou Zarramanculleiros de Cualedro son signos de identidade para as habitantes dos diferentes lugares, mais tamén resultan moi similares á vista. Recollemos as súas principais diferenzas que, alén do estético, teñen moito que ver coas dinámicas que cada unha delas desenvolve. 
Peliqueiros de Laza.
Peliqueiros de Laza.

Como vén sendo habitual nestas datas, as imaxes das distintas máscaras do Entroido inundan redes e xornais. Cigarróns, Peliqueiros, Felos, Mázcaras, Chocalleiros... Para aquelas non iniciadas nestas tradicións, ás veces pode resultar confuso nun mundo no que meter a zoca chega a ferir sensibilidades. Porén, as diferenzas son en ocasións para ollos expertos e moi adestrados, ou mesmo inexistentes.

Como explica Federico Cocho —autor de varios libros sobre o Entroido—, Cigarróns, Peliqueiros, Zarramanculleiros ou Felos son "variantes da mesma máscara" que presentan pequenas mudanzas no vestiario localmente. No mesmo senso, a arqueóloga Nieves Amado apunta que todas estas personaxes que irradian do Val do Támega e da Alta Limia terían probabelmente unha orixe común. "O traxe non vai máis atrás do século XVIII", afirma Amado, inspirado en vestimenta militar.

Cigarróns, Peliqueiros, Zarramanculleiros ou Felos son "variantes da mesma máscara" que presentan pequenas mudanzas no vestiario localmente

Os Felos de Maceda —tamén se chaman Felos en Boborás, Esgos ou Garabás, pero a súa indumentaria non deixa lugar á confusión— son os que presentan un aspecto máis diferenciado, con medias negras en lugar de brancas e botíns ou botas en troques de zapatos. As súas máscaras son máis alongadas e levan, ademais, unha caiada en lugar de zamarra.

E até aquí o fácil. Porque a nivel de vestiario, a día de hoxe, entre Cigarróns e Peliqueiros non existe practicamente diferenza. Os primeiros, figura principal do Entroido de Verín, visten camisa branca e gravata de cor, cunha chaqueta curta con flocos dourados, atada con tres lazos de cores. Levan nos ombreiros xarreteiras e un pano da cabeza. Na cintura portan faixa, polo xeral vermella, para suxeitar o calzón de encaixes e pondóns. Por riba, un cinto do que colgan as seis chocas de cobre, tres "femias" de son agudo e tres "machos" de son grave. Nas pernas, medias brancas e zapatos negros. As carautas de madeira pintadas cunha face sorrinte, coas cellas, as meixelas rosadas e o bigote, amosa os dentes e cunha barba de pelo de animal. Por riba vai a mitra, de folla de lata, pintada con animais coa parte posterior en pel, a pelica. Tamén leva zamarra, un pau acabado nunha tira de coiro co que bate en quen atopa polo camiño. Os Peliqueiros de Laza... Sorpresa. A mesma indumentaria.

O máis significativo é o cambio que se produce na "dinámica", é dicir, no "rol que desenvolven as máscaras" durante a festa. 

De facto, a arqueóloga que, para alén destas concretas variacións na "estática", o máis significativo é o cambio que se produce na "dinámica", é dicir, no "rol que desenvolven as máscaras" durante a festa. 

Distintas dinámicas

Os Felos teñen unha dimensión de cohesión. Antigamente saían sos a percorrer a pé os camiños de aldea en aldea durante días e noites, divertíndose e perseguindo a quen se metía con eles, durmindo onde podían. Pedían só comida e bebida nas casas para continuar coa troula, nunca esmola ou cartos. Hoxe saen en grupos o sábado de Entroido desde a aldea de Castro e baixan até Maceda brincando e amolando co caxato, para unirse na segunda feira ao desfile.

Pola súa banda, os Peliqueriros de Laza son a máxima autoridade, até o punto de que "non se lles pode tocar", di Amado, que comparte con eles fogar natal. Na súa terra, son os reis do Entroido. Coa zamarra que levan, seguindo a tradición das máscaras fustigadoras, zúrranlle á xente que atopan ao seu paso. Saen tamén polas aldeas, como Matamá, Castro de Laza ou Campobecerros. O seu rol é "dalgún modo máis autoritario", espertando o respecto. En Verín, os Peliqueiros sufriron certa mudanza co tempo cara a unha figura máis próxima, á que, segundo Amado, "si que se lle pode tocar" ou que "levaba a quen colle á cantina para que lle pague uns viños".

Variacións locais sobre o mesmo motivo, que aparecen por exemplo noutra das personaxes recentemente recuperadas, como os Zarramanculleiros de Cualedro. Aínda que moi semellante aos de Laza, Maceda e Verín, levan un traxe con trazos que os achegan ás Mázcaras da Xironda. A carauta diferénciase por ter un fondo amarelo e levar motivos florais. No traxe predominan as cores azul, vermella e, como Peliqueiros e Cigarróns, branca nas calzas. Hoxe percorren as rúas visitando tamén as casas, onde son recibidos con doces, café e licores.

comentarios