Dereitos de autor: Ve luz a primeira 'Guía legal para autores e artistas de Galiza'

Concibida desde unha vocación divulgativa e coa necesidade de dar a coñecer os aspectos básicos da lexislación e o universo xurídico da creación artística, Ramón Rey García vén de tirar do prelo a primeira Guía legal para autores e artistas de Galiza, que será presentada na cuarta feira 3 de novembro, na libraría Couceiro, en Compostela.
Busto de Bach, en Leipzig, cuberto cunha máscara feita coas notas da cantata My heart swims in blood
photo_camera Busto de Bach, en Leipzig, cuberto cunha máscara feita coas notas da cantata My heart swims in blood. (Foto: Jan Woitas / Dpa-Zentralbild / Dpa)

Que é o dereito de autor? Que pode protexerse por dereito de autor? Que dereitos se prevén no marco do dereito de autor? De que dereitos goza o autor dunha obra? Rexístrase o dereito de autor? Que se entende por “obra”? Canto dura a protección por dereito de autor? 

A estas e a outras cuestións dá resposta a Guía legal para autores e artistas de Galiza, do profesor e avogado Ramón Rey García, un volume dirixido aos profesionais da creación en xeral, aos diferentes axentes da industria cultural e a todas aquelas persoas que, sen formación específica no ámbito xurídico, precisen consultar calquera aspecto legal relativo á autoría. 

Avogado de dereitos de autor e profesor na universidade coa especialidade en propiedade intelectual e dereito dixital, Rey García botaba en falta un manual que abordase o dereito de autor en todas as ramas e todas as tipoloxías de obras dunha forma "medianamente superficial", conta para Nós Diario, porque os que había "eran textos xurídicos moi densos". "Cando acabei a carreira e me quixen dedicar aos dereitos de autor non contabamos con ningún tipo de información sobre esta temática que non fose profunda". Un atranco á hora de acceder á información e á hora de a interiorizar e aplicar ao traballo diario.

Vocación divulgativa

Concibida desde unha vocación divulgativa e coa intención de dar a coñecer os aspectos básicos da lexislación e o universo xurídico da creación artística, a Guía legal para autores e artistas de Galiza non escapa do rigor académico. 

Rey García explica que a súa finalidade era organizar os diferentes aspectos da industria cultural e tecnolóxica nun manual accesíbel para autores e para artistas, mais "non puiden obviar os tecnicismos xurídicos porque, ao final, é dereito, mais si intentei mastigar da mellor forma posíbel todos eses conceptos para así trasladalos dunha maneira agradábel a un público lector non xurista". 

Finalmente, optou polo formato guía e lanzou unha primeira proposta á Xunta da Galiza, mais que non callou. Porén, e co apoio de diferentes institucións como a Asociación galega de guionisitas, a Academia galega do audiovisual, a Asociación de músicos ao vivo, o Grupo de estudos de audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela (USC)... conseguiu "trasladarlle á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e á Xunda da Galiza o interese e a necesidade por esta obra". A partir de aí, o Grupo de estudos audiovisuais, en nome da USC, "quixo tamén participar na obra e formouse un convenio entre Xunta e Universidade". 

A Guía legal para autores e artistas de Galiza presenta dous grandes apartados. O primeiro céntrase na definición do sintagma "dereito de autor": que é e cales son as súas principais características, a historia, que se entende por concepto de orixinalidade, de autoría, o concepto de obra artística para o dereito... “Expliquei todo para que o lector ou lectora saiba en que consiste o dereito de autor en xeral”, un apartado común que serve para todo tipo de obras.

O segundo apartado debulla cada unha das disciplinas por separado, obra a obra: audiovisual, teatral, musical... “Para que cada artista vaia directo ao que lle interese”. Así, a colaboración de persoas expertas, con artigos complementarios, enriquecen a Guía: "Convidei 15 persoas especialistas nesta temática: en materia fiscal, rexistro da propiedade intelectual, contratos de edición e discográfico, obra coreográfica, contrato de management, relación da obra dramática coas entidades de xestión...", explica o autor. "Apoieime nesas dúas patas, en trasladar ás persoas unha lectura amábel do dereito do autor e en introducir profesionais ultraespecializados en cada unha desas materias para que así a obra gañara autoritas, peso, porque eses profesionais para min son os mellores nesas materias". 

O mundo da creación

A situación dos dereitos de autor a nivel mundial, para este experto, está nun momento de máximo crecemento debido á dixitalización dos contidos, "que provoca a aparición ou fai que se asenten novas modalidades de explotación nos dereitos de autor", con novos retos como a introdución da intelixencia artificial no mundo da creación.

Na Galiza, e no Estado español, opina, "hai unha absoluta necesidade" de que o autor ou artista coñeza de forma directa que dereitos e facultades ten desde o momento en que crea unha obra artística. "É fundamental porque se descoñece os seus dereitos e facultades é imposíbel que faga unha boa negociación", apunta Rey. "Creo que é interesante esta obra para o autor e artista galego para evitar a ignorancia nesta materia, que sempre vai actuar na contra dos seus intereses", afirma. 

"Esta guía divulgativa é un primeiro paso para que se sensibilicen cos dereitos e gañen coñecemento", valora, o que vai levar consigo que as e os artistas saiban como negociar e xestionar mellor as súas carreiras.

Comentarios