Creadoras literarias galegas, unha especie en perigo de extinción

As esquecidas das medidas fronte á COVID-19.
creadoras
photo_camera A escritora Antía Yáñez e o ilustrador Víctor Rivas (Creadoras en perigo de extinción)

Hai uns días, saltou ao Facebook unha plataforma que reivindica as creadoras literarias galegas como especie en perigo de extinción. Mais esta é só a punta do iceberg. Por baixo desta campaña, que procura visibilizar un problema que vai máis alá da situación xerada pola COVID-19, latexa un prolongado proceso de diálogo entre diferentes pólas da literatura galega, procedentes fundamentalmente de dous eidos: a escrita e a ilustración.

Foi o debuxante Kiko da Silva quen sementou o xerme da reivindicación. Segundo explica a Nós Diario, atopábase bastante ao corrente das distintas medidas que se estaban a tomar a nivel administrativo ante a emerxencia sanitaria, das que as profesionais da creación quedaban en moitos casos excluídas. "Déixannos totalmente tirados", declara con rotundidade o autor. O detonante foron as propostas do Plan de reactivación da cultura e o turismo da Xunta da Galiza, que dentro do denominado sector do libro non dirixe ningunha axuda a ese elo máis feble das escritoras e ilustradoras. "Chamoume moito a atención que distintas plataformas non fixesen máis ruído, que deixasen pasar os días sen comunicado ou resposta a unhas medidas que deixan fóra as que facemos os libros", conta.

Así, o que comezou como conversas informais entre amigas rematou nun grupo de Facebook para estender a comunicación entre todas as que escriben, deseñan, traducen... "É un erro ir por gremios, penso que iso nos impide ter a forza que precisamos", apunta Da Silva. Ao cabo, todas son creadoras e deste modo descubrirían problemáticas descoñecidas entre elas. 

Ilustración por encarga

Ligados ao mundo editorial viven diferentes elos nos que moitas veces non se repara. Paradoxalmente, o das ilustradoras, con frecuencia carta de presentación da obra, é un dos máis invisíbeis. O seu traballo chega nun momento serodio do proceso, normalmente por encarga, agás en casos moi concretos e excepcionais, explica o profesional Víctor Rivas. É por iso que á parada nas vendas, que leva consigo a pausa nos ingresos polos dereitos de autor, súmase a lenta recuperación da nova demanda. "A min quedáronme colgados tres libros desde novembro e non conto con que me chamen para novos traballos até dentro de tres ou catro meses", vaticina.

Ante a situación actual enfrontan problemáticas complexas. A súa actividade, exenta de IVE, factúrase de maneira anual, polo que "é moi difícil de demostrar o impacto económico que está a supor a parada", comenta Rivas, pois até xuño, cando declaran o groso dos ingresos, non terán datos da baixada, concreta Da Silva. Porén, "continuamos a pagar a cota de autónomos, o aluguer, a luz, a auga e internet", di o debuxante. Isto considerando aqueles poucos casos das que viven de facer libros, sen compaxinar con outras actividades, un dos problemas para lexislar a nivel fiscal a creatividade. 

A escrita "non é un oficio"

A mesma problemática aparece tamén no eido da escrita. "Ningunha traballa diso e as que o conseguen, como Yolanda Castaño, é porque se moven moito e fan máis cousas que escribir", explica a poeta Tamara Andrés, que compaxina as actividades literarias coa docencia. A ausencia das escritoras nas axudas da Xunta "non é algo novo", senón que pon de relevo unha situación que vén de lonxe. "Ás escritoras non se nos ten en conta", opina, dentro da industria do libro a escrita "non é un oficio". Andrés sinala certos aspectos dos contratos das autoras que fan moi difícil a profesionalización. Apunta, por exemplo, ao pouco habitual que resulta dentro das prácticas sectoriais ofrecerlles adiantos, cando é algo habitual no caso das ilustradoras.

A posta en común destas preocupacións está a permitirlles "darnos conta da situación na que estamos todas, que se cadra hai cousas que non podemos seguir aceptando", entende Andrés. Mais ese punto de diálogo  no que se atopan, para alén de produtivo, é moi complexo, porque son moitas -máis de 100- e as situacións son moi diversas, como variado é o sistema literario galego. Se ben devagar, saben que o traballo dará resultados para seren capaces, no futuro, de "construír algo sólido" e ofrecer propostas concretas que poidan mellorar o contexto. Non se trata de "ir en contra das editoriais", aclara Da Silva, senón de chegar a acordos comúns que xurdan de falar e de comprender os problemas, para "ter un sector o máis unido posíbel". Só así se poderá "artellar unha saída o máis equitativa para todas", apunta. Se non a parte máis feble, que son elas, será a máis prexudicada.

Así, se callar, ese momento de pausa fronte a unha situación insólita pode servir de punto de partida para crear algo mellor. Se podemos crer que a nova normalidade garda algún carácter revulsivo de mudar as cousas

Emigración física ou metafórica

A falta de reacción da Xunta e do Ministerio ten para Da Silva un risco claro: a "perda de talento". A situación aboca quer ao abandono dos oficios creativos, dos que non se pode sobrevivir, quer á emigración (metafórica física), a outros sistemas literarios que recollan a creatividade galega, co mercado conxelado. "Estase xogando coa cultura do país", advirte o ilustrador. Do proceso actual de diálogo que están a manter, contan con que saia un escrito dirixido ao Congreso e á Xunta para reivindicar que os escoiten e que non os deixen atrás

Comentarios