Levar o galego onde está a mocidade: música e redes como motor da nova campaña educativa da Deputación da Coruña

A iniciativa «O galego na música e nas redes sociais», impulsada en colaboración con Orgullo Galego, busca fomentar entre a mocidade a creación de contidos dixitais en galego e visibilizar o éxito de bandas e proxectos musicais que empregan a lingua propia nas plataformas sociais.
O creador de Orgullo Galego, Borxa González, e a deputada Sol Agra na presentación da iniciativa (Foto: Deputación de Pontevedra)
O creador de Orgullo Galego, Borxa González, e a deputada Sol Agra na presentación da iniciativa (Foto: Deputación da Coruña)

A área de Lingua da Deputación da Coruña presentou hoxe a campaña «O galego na música e nas redes sociais», unha iniciativa que se desenvolverá en 22 centros educativos en colaboración con Orgullo Galego, co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no ámbito dixital e promover a creación de contidos en galego nas redes sociais entre a mocidade.

A deputada de Lingua, Sol Agra, e o responsábel de Orgullo Galego, Borxa González, deron a coñecer os principais eixos desta nova edición do programa, que incorpora a música como elemento central para visibilizar a infinidade de bandas e propostas musicais exitosas en galego presentes nas plataformas.

Durante a presentación, Sol Agra puxo en valor a importancia de impulsar iniciativas que conecten o galego coa realidade comunicativa actual e destacou o papel das redes sociais como espazo clave para garantir a presenza da lingua entre as novas xeracións, así como para visibilizar os contidos que xa se están a crear en galego con formatos e linguaxes diversas.

A deputada referiuse tamén á percepción, estendida entre parte da mocidade, de que crear contido en galego pode restar seguidores, un prexuízo que, segundo indicou, non se corresponde coa realidade. «Iso é o que lles vai demostrar Borxa González nas súas charlas”, asegurou.

Pola súa banda, Borxa González subliñou o potencial das redes sociais como ferramenta para normalizar o uso do galego e achegalo a públicos amplos, incidindo na necesidade de dar a coñecer referentes e proxectos dixitais que empregan a lingua galega con naturalidade e éxito. «Demostramos co exemplo de Orgullo Galego e de tantas outras canles que xerar contido en galego suma», afirmou.

Comentarios