Unha restauración exitosa

Sobre o dedo de San Xoán e o sorriso da Mona Lisa

Desde o  9 de novembro, e após unha restauración que durou dez meses, o San Xoán Bautista de Leonardo da Vinci mostrará novamente o seu enigmático sorriso no Louvre 

San Xoán Bautista, de Leonardo da Vinci
photo_camera San Xoán Bautista, de Leonardo da Vinci

Cando na primavera de 1516, a convite do rei Francisco I, Leonardo da Vinci chega a Amboise, leva consigo tres pinturas: San Xoán Bautista, a Gioconda e Santa Ana. Seguramente levaría moitas máis cousas, mais sobre estas tiña un especial interese en dalas a coñecer.

É Antonio de Beatis, o acompañante do cardeal Luís de Aragón nunha viaxe por Europa, quen nolo confirma no seu diario, un texto de enorme interese, non só no que fai referencia aos encontros con personaxes de primeira liña na Europa do momento (con Carlos V, en Middelburg; con Jacopo Fugger, o banqueiro máis rico e coñecido da Europa do seu tempo, en Augsburgo; con Francisco I, en Rouen; con Leonardo da Vinci, en Cloux, preto de Amboise) senón porque ofrece noticias interesantes da historia da arte: por exemplo, as estatuas construídas en Innsbruck por orden do emperador Maximiliano, para o seu cenatofio, un total de 28 e que representan, nun formato de máis de 2 metros de altura, antepasados e parentes de Maximiliano así como heroes reverenciados na época; as tapicerías encomendados polo Papa en Bruxelas e destinadas á Capela Sixtina ou o cenáculo de S. Maria delle Grazie, en Milán, pintada por Leonardo.

En  Clos-Lucé con certa dama florentina

Antonio de Beatis e o seu patrón, o cardeal Luís de Aragón, chegaron a Clos-Lucé, residencia de Leonardo, o 10 de outubro de 1517. De Beatis escribe  que Leonardo lles mostrou tres cadros, un “de certa dama florentina, feita de natural, a instancias do chamado Magnífico Giuliano; o outro de San Xoán Bautista, mozo, e un dunha madonna e o fillo que se encontra sobre o regazo de Santa Ana, todos moi belos”

manuscritoDas tres pinturas que Leonardo leva a Franza  é o San Xoán, quizais, o máis controvertido. Foi moita a polémica sobre o significado do dedo do santo apuntando cara arriba, e o seu sorriso enigmático provocou tantas discusións como o da Mona Lisa. Mentres o tronco de Xoán se pinta con certa solidez e forza, a cara e a expresión teñen unha delicadeza, mesmo unha misteriosa suavidade, sensualidade se preferirmos,  que parecen contradicir a personalidade do Bautista, o intransixente e abstemio pregador do deserto, como se describe na Biblia.

A restauración do San Xoán foi definida por  Sébastien Allard, director do departamento de pinturas do Louvre como “estética e destinada a mellorar a visibilidade da obra”. A pintura, recuberta ao longo do tempo por varias capas de verniz, tiña unhas tonalidades laranxas que dificultaban a percepción da cruz, da pel de animal que porta o santo ou mesmo da cabeleira. Agora, desde mañá, poderemos ver máis nítida a imaxe, e, tamén, máis enigmático o sorriso.

Cando San Xoán baixe o dedo.

Son moitas tamén as hipóteses sobre que momento da vida de San Xoán quixo pintar Leonardo. Sexa o que for, a pintura de Leonardo establece un estándar na representación desta figura única na relixión católica por canto é o único santo do que se conmemora o nacemento e o martirio, en 24 de xuño e 29 de agosto respectivamente, circunstancia que só comparte con Xesús Cristo. 

Na arte cristiá San Xoán aparece representado en dous momentos da vida. Como neno e como adulto.

 En ambos casos foi o renacemento italiano o que popularizou a súa forma e, como adulto, o seu índice elevado unhas veces cara ao ceo e outras apuntando cara a un año que o acompaña, quedou tan fixado na consciencia occidental que pasou a formar parte da linguaxe popular para expresar a imposibilidade absoluta de que algo suceda: Até que san Xoán baixe o dedo.

Imaxe: Páxina do diario de Beatis correspondente ao 10 de outubro de 1517

Comentarios