Das Kapital di adeus. Fin a catro anos de necesario e irrenunciábel disturbio

A banda despídese tras catro anos cun EP de 25 minutos de duración. Cinco cancións sen título nun disco sen título. Das Kapital dará algúns concertos antes de facer efectiva a disolución definitiva dun grupo que sempre recoñece o extremo da súa proposta.

das kapital
photo_camera das kapital

Un EP de 25 minutos pon o ramo á existencia de Das Kapital. “Cinco cancións sen título nun disco sen título”, din, que comeza co recitado de artigos da Constitución Francesa de 1793 e remata cun aviso de incendio –“o Antigo Réxime toma o control”-, despiden os catro anos de traxectoria dunha banda que foi quen de estourar o conservadurismo musical tan aburridamente querido na escena galega. Foron extremos porque o tempo era extremo.

A gravación –a terceira despois de Ruído negro (2011) e Grecia (20013)- estará dispoñíbel no bandcamp do grupo –a partir da semana que vén. Nela, e como afirma o propio Das Kapital “radicaliza a súa aposta sonora e por primeira vez emprega un complexo tecido percusivo analóxico procesado electronicamente. Cun ollo nas polirritmias ensaiadas por Einstürzende Neubauten ou Cut Hands e outro na asfixia dos tempos en curso, a banda procura alertar da posibilidade da derrota e emite un berro de auxilio”.

Nunha semanas haberá nas rúas unha pequena edición en cedé do derradeiro traballo de Das Kapital, que ofrecerá algúns concertos antes da súa disolución definitiva.   

Das Kapital di adeus. Agur eta Ohore.

Comentarios