Remite os editores aos subsidios do Igape

Cultura considera que só ten “interese para o país” a feira do libro de Bos Aires

A Consellaría de Cultura vén de remitir unha carta á Asociación Galega de Editores (AGE) en que lles comunica a súa decisión de se borrar de catro das cinco feiras internacionais do libro en que viña participando. Para o departamento que encabeza Román Rodríguez, só ten “interese para o país” a feira de Bos Aires.
 

feria-del-libro
photo_camera Imaxe da feira do libro de Bos Aires.

O pasado 29 de decembro a Xunta abortou unilateralmente o proceso de licitación -en marcha desde setembro- dos denominados “lotes” para organizar a presenza institucional nos encontros de Boloña, Frankfurt, Barcelona e Guadalajara (México). Nunha resolución asinada polo secretario xeral técnico da consellaría, a Xunta acusaba a AGE -que xunta o 90% do sector- de “crecente desinterese”.

O gremio considera “unha falsidade” tal afirmación. Na Mesa do Libro, convocada o 15 de decembro e que agrupa aos axentes implicados no sector, o Goberno galego non mencionou tal posibilidade.

Mais na misiva datada o 1 de febreiro, remitida pola Subdirección Xeral de Bibliotecas, non hai mención algunha a ese “crecente desinterese”. O ton muda e fala dun suposto “novo sistema que se pon en marcha este ano” e polo que Cultura “xestionará unicamente a participación do sector editorial galego” en Bos Aires “polo interese para o país”. 

Na última Mesa do Libro, o Goberno galego non mencionou tal posibilidade

Ademais, Cultura desvía cara ao Igape a responsabildade de apoiar a presenza editorial nos demais eventos en que, ate agora, participaba. “Deste xeito, aténdese a demanda da AGE pola que a entidade solicita acudir cun stand propio ás feiras internacionais, sufragado polo Igape”, di, “así mesmo, a axencia adscrita á Consellaría de Economía pon as súas axudas ao dispor do resto de empresas do sector editorial galego”.

Fontes da Asociación de Editores explican que non mantiveron ningunha xuntanza co Igape e que que non tomaron ningunha decisión ao respecto. Só confirman a súa presenza na feira de Boloña, especializada en libro infantil e xuvenil.

As reivindicacións da AGE, enviadas á consellaría nunha carta o 19 de decembro, consistían en “tratar de sumar esforzos públicos e privados á fin de acudir ás feiras internacionais cun espazo colectivo compartido, ou con varios contiguos”. Reclamaban non ser “un convidado máis” no posto da Xunta, dado que agrupan á gran maioría do sector, e que o stand institucional estivese xestionada e atendido por persoas do mundo editorial.

A Consellaría de Cultura pecha a súa comunicación asegurando estar “ao dispor” das editoriais “para valorar calquera outra canle de colaboración a prol da proxección do sector editorial e do libro galego que complemente e enriqueza as que xa están en marcha”. E facilita un enderezo electrónico e dous números de teléfono.