Cruceiro de lendas gravadas

De Becerreá ao Cebreiro a través das cruces
Cruceiro da igrexa de San Mamede de Pedrafita. (Foto: Efremigio)
photo_camera Cruceiro da igrexa de San Mamede de Pedrafita. (Foto: Efremigio)

A comarca dos Ancares atópase chea de grandes paisaxes e un importante patrimonio cultural. Desde Becerreá até Navia de Suarna, os cruceiros son algunhas das construcións máis agochadas dos seis concellos que conforman a comarca. O colectivo Patrimonio dos Ancares, entidade asociada á Rede do Patrimonio Cultural, fai un importante labor na recuperación e reivindicación da arquitectura e historia da zona.

Neste sentido, o concello de Pedrafita do Cebreiro semella ser un dos lugares nos que maior coñecemento se ten sobre estas construcións de tipo relixioso. Exemplo disto é o Cruceiro de Santa María A Real ou o Cruceiro da igrexa de San Mamede de Pedrafita. Desta forma, a carón da igrexa de Santa María, tamén coñecida como igrexa de San Bieito, atópase un cruceiro de plataforma cadrada con tres chanzos e pedestal cúbico. O varal, parte vertical do cruceiro tamén coñecida como fuste, é de forma cadrada e conta con dúas imaxes gravadas. A primeira talla sitúase na metade da construción e a segunda, algo máis enriba, recolle unha imaxe do Santo Graal coa Patena. Un gravado moi ligado a historia da contorna e vencellado ao coñecido como milagre do Graal. Conta a lenda que un día de inverno de fortes trebóns unha persoa achegouse á igrexa e, ante o descrédito do párroco, transformou o viño en sangue e a hostia en carne ao tempo que comezaron a repicar soas as campás.

O colectivo patrimonio dos Ancares pon en valor a paisaxe da comarca

Pódese tamén destacar que non é estraño atopar pedras que deixan os peregrinos no seu camiño a Compostela na plataforma deste cruceiro. Este fenómeno prodúcese porque a igrexa de Santa María do Cebreiro é a primeira igrexa que se atopan os peregrinos ao entrar na Galiza se percorren o camiño francés. 

Así mesmo, o templo constitúe o monumento máis antigo da ruta xacobea e, nas súas orixes, construíuse como hospedaxe para os peregrinos. Outro exemplo de cruceiro noutros concellos da comarca é o Cruceiro da Praza da Horta en Becerreá. Unha construción de base e fuste cadrados e cunha cruz de sección circular. Enmarcado na tipoloxía de cruceiro de crucifixo.

MIRADOIROS NATURAIS Alto do Cebreiro

aaaa

Entre León e a Galiza, álzase a perto de 3.000 metros de altitude unha barreira natural coñecida como Alto do Cebreiro. Situado na parte máis ao sur do Parque Natural da Serra dos Ancares, este cume ofrece unhas vistas inmellorábeis, e en ocasións nevadas, ao val do río Lor ao sur e do río Navia ao norte.

CERVANTES E O CASTELO Castelo de Doiras

No concello de Cervantes álzase nun outeiro próxima ao río Cancelada unha fortificación de orixe medieval. Crese que este castelo, considerado Ben de Interese Cultural desde 1994, foi construído sobre un antigo asentamento castrexo e 
conta cunhas condicións defensivas inmellorábeis. 

CON TEITO DE PALLA Pallozas do Cebreiro

Na aldea do Cebreiro, en 300 metros cadrados, un compendio de catro pallozas recrean as edificacións da montaña. Estas construcións de planta ovalada, muros baixos e teitos de palla moi tupida para soportar as chuvias e nevadas son agora propiedade da Xunta da Galiza. No seu interior, tres destas edificacións atópanse transformadas en museos e é posíbel visitalas de balde. A ausencia de esquinas, o grosor dos muros ou a disposición da edificación sobre unha estrutura de madeira convertían estas vivendas na construción ideal para o clima da zona.

Comentarios