Couso, na Estrada, deu inicio ao Entroido Rural Tradicional dos Xenerais da Ulla
O Entroido Rural Tradicional dos Xenerais da Ulla, declarado Festa de Interese Turístico da Galiza desde 2013, comezou a despregar este sábado as súas tropas. As entidades ds oito concellos da comarca natural da Ulla -A Estrada, Boqueixón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces- que preservan esta tradición presentárona este sábado.
Desta volta a asociación apostou por descentralizar a presentación do Entroido da Ulla e comezar a levala aos diferentes concellos nos que cada ano se agarda a chegada dos Xenerais.
A parroquia estradense de Couso foi a escollida para o primeiro destes actos. Nel participaron perto dun cento de persoas e non faltaron algunhas das manifestacións e ingredientes máis típicos desta festa.
O propio acto de presentación marcou o inicio do calendario previsto para o Entroido da Ulla neste 2025. Será algo máis dun mes de pasarrúas e atranques por 30 lugares e parroquias destes oito municipios unidos pola conservación desta tradición. O feche será en Conxo (Santiago de Compostela) o vindeiro 15 de marzo.
O locutor e presentador de Radio Estrada Pablo García exerceu de mantedor da xornada, na que estiveron presentes representantes institucionais dos oito concellos, da Xunta e da Deputación de Pontevedra, ademais de representantes das distintas asociacións que, en cada un destes municipios, asumen o labor de conservar e promover o Entroido da Ulla.
Couso, pregoeira
Como parroquia pregoeira do Entroido da Ulla 2025, a veciñanza de Couso participou activamente na presentación. A primeira en facer uso da palabra foi Rosa Iglesias, integrante dos Xenerais de Couso, que quixo facelo no nome de todas as asociacións de Xenerais deste amplo territorio.
Tomou o relevo Manuel Brey, tamén veciño de Couso e membro da referida asociación. A súa intervención estivo centrada na presentación do Coro de Bonitos, unha parte importante desta tradición que estivo exemplificada durante a presentación por integrantes do coro que se recuperou nos últimos anos nesta parroquia da Estrada.
Brey fixo fincapé na implicación que comporta para a veciñanza o desexo de manter a boa saúde esta tradición. “Sacar adiante o entroido non é cousa fácil”, asumiu. Este veciño de Couso foi o encargado de explicar os distintos compoñentes e pezas propias do Coro de Bonitos, subliñando o traballo de recuperación que se fixo nesta parroquia da Estrada, tendente a revitalizar unha parte da tradición que non é tan comunmente coñecida como a figura dos Xenerais.

