Coralia e Maruxa, as Marías, recuperan os seus nomes en Boisaca con “afecto e rebeldía”

“Coralia e Maruxa Fandiño Ricart. Afecto e rebeldía”. Son as palabras que fican inscritas na lápida do cemiterio de Boisaca onde están enterradas as Dúas Marías. Un acto público organizado pola A.C. O Galo e o Ateneo homenaxea as dúas mulleres que sufriron a represión mais foron coñecidas polas cores das súas roupas e as súas caras. 

Acto en Boisaca
photo_camera Acto en Boisaca

“Todo comezou no acto organizado polo Galo, para o que se contou coa participación do Ateneo, que lembrou en xullo do 2011 o 75 aniversario do inicio da represión na escultura das Marías”, explica Hadrián Candela, da A.C. O Galo que tamén se congratula de que esa primeira conmemoración tivera continuidade no tecido asociativo compostelán que mantivo a reivindicación as coñecidas como as Dúas en Punto. “Eran mulleres singulares e non pola súa vestimenta senón por seren vítimas da represión que contaban coa solidariedade do pobo”, sinala Candela. 

En febreiro do ano 2013, a raíz dun artigo do xornalista Nacho Mirás -que participará tocando a gaita no acto de Boisaca- descubriuse o estado de abandono da sepultura. Comprobouse despois que naquela tumba non estaban enterradas xuntas as irmáns senón unha soa e a iniciativa tornouse así máis complexa xa que o primeiro paso foi xuntar de novo a aquelas dúas mulleres que eran coñecidas en Compostela como “as dúas en punto”. 

“Comezou un proceso de averiguación e na primavera do 2013 descubriuse que estaban separadas co cal houbo que facer o traslado dos restos superando todas as trabas e despois dun ano e medio de trámites chegamos a o acto no que se pretende chamar a atención sobre dous elementos, o primeiro a unión de Coralia e Maruxa na mesma sepultura e a súa dignificación, que se saiba que están aí enterradas e que gozan do aprecio da cidadanía”, explica Candela. 

Liberdade e resistencia

Tanto a A. C. O Galo como o Ateneo fixeron un chamamento á cidadanía para participaren no acto de dignificación da sepultura das Dúas Marías que se desenvolveu esta cuarta feira día 28 ás 18 horas no cemiterio de Boisaca coa intervención do Presidente do Ateneo de Santiago, Salvador García-Bodaño, Mercedes Espiño da Agrupación Cultural O Galo, Luís Pasín Liñares, Encarna Otero Cepeda, Xosé Luis Bernal (Farruco) e Manuel Fandiño Pampín (familiar) ademais do xornalista Nacho Mirás. 

“Teñen xa a dimensión de símbolo da liberdade e a resistencia grazas ás actividades dos últimos anos. A historia que era globalmente descoñecida saíu a luz e agardamos que continúe o coñecemento sobre estas figuras e a cidade vaia gañando espazos para as Marías, espazos cidadáns para a recuperación da memoria”, defende Hadrián Candela para quen as palabras “afecto e rebeldía”, explican as dúas personaxes que gozan do afecto popular e cunha experiencia vital na que primou  a irreverencia por necesidade. 

Maruxa morreu en Compostela en 1980. Coralia, tres anos despois. A máis de tres décadas, de novo xuntas, as Dúas en Punto, co “afecto e a rebeldía” que as acompañou durante a vida. “Quizais así viviron felices, na súa loucura desesperanzada e cruel, chea de fame e de miseria pero digna. Grazas, Marías. Grazas, mulleres ledas e riseiras, pola inmensa luz que lle destes gratuíta e xenerosamente a aquela Compostela tan escura” escribiu Encarna Otero na biografía das Marías que publicou no Álbum das Mulleres, na liña desta nova homenaxe cidadá. 

 

 

 

Comentarios