Máis

Os contos viquingos renacen en Catoira

Os viquingos penetraron na Galiza no séculos IX e X coa intención de saquear as súas vilas. Os nórdicos topáronse coa resistencia das tropas da fortaleza Castellum Honesti ou Torres de Oeste, considerada o símbolo de resistencia galega fronte aos normandos. Hoxe é o escenario da romaría viquinga de Catoira.
Espectáculo Catoira
photo_camera O espectáculo itinerante viquingo visitou Catoira en 2018. (Foto: Concello de Catoira)

Durante a Alta Idade   Media os viquingos estiveron fortemente ligados á Galiza. Os normandos protagonizaban escaramuzas que buscaban ampliar a súa zona de influencia no territorio e así poder espoliar os recursos sen a oposición dos nativos, mais as súas incursións non sempre obtiveron éxito.

Na desembocadura do río Ulla, en Catoira, eríxense as Torres de Oeste, construcións de carácter defensivo que datan do século IX e que permitiron practicar unha defensa activa á hora de repeler as ofensivas nórdicas.

Hoxe as Torres de Oeste son o escenario da romaría viquinga de Catoira, que repasa o pasado común dos escandinavos e dos galegos. A festa celebrouse por vez primeira en 1960. Aquel ano tivo lugar unha representación dos desembarcos normandos, unha iniciativa dos membros de Ateneo do Ullán.

A partir de 1965, tomaron o relevo os traballadores dunha empresa local e durante case 25 anos asumiron a organización da romaría. En 1989,  o Concello comezou a ocuparse do evento debido á gran dimensión social que adquirira a romaría e ás novas necesidades económicas.

O apoio institucional axilizou a introdución de novidades que contribuíron a reforzar a súa proxección. A romaría cobrou un cariz internacional que se materializou nunha irmandade con Frederikssund, considerada  desde hai anos a vila danesa de maior tradición viquinga.

Expansión da romaría

O desembarco viquingo que se dramatiza nas Torres de Oeste é un dos principais atractivos da festa. A representación comeza no ano 1968 cun barco areeiro que imita un drakkar viquingo. Tempo despois, o Concello de Catoira decidiu construír un drakkar real coa intención de dotar de maior realismo o evento. Para levar a cabo o proxecto, o goberno municipal decidiu estabelecer contacto coa cidade de Frederikssund para acceder aos planos dunha nave auténtica, achada nun fiorde de Roskilde (Dinamarca).

Catoira construíu o primeiro barco en 1993 na Escola Taller da localidade. O denominado drakkar Torres de Oeste é unha réplica do Skuldelev 5, un barco  de guerra de finais do século XI. As características técnicas da embarcación indican que ten 17,5 metros de eslora e 2,5 metros de manga. A capacidade da nave admite 13 pares de remos e 6 toneladas de carga, incluída unha tripulación de 30 persoas. O barco alcanza unha velocidade máxima de 15 nós.

En 2008 incorporouse un novo drakkar á frota catoirense. Foi bautizado como Frederikssund. A nova embarcación respondía á demanda crecente das persoas que cada ano desexan participar no asalto á fortaleza.

O Frederikssund leva o nome da vila danesa irmandada con Catoira en 1997. O novo barco combina elementos construtivos do Gokstad e deseños inspirados na nave Oseberg. O resultado é unha embarcación de 20 metros de eslora e 2,9 de manga.

En 2019 construíuse outro navío máis. Esta última embarcación chámase Ardglass-Catoira, en homenaxe á asociación Ardglass Vikings, de Irlanda do Norte, coa que Catoira mantén un vínculo moi estreito.

O ataque viquingo ao recinto das Torres de Oeste complétase coa representación da ofensiva en terra. Na incursión participan arredor de 200 persoas. O acto complétase coa organización dun mercado ambientado na época medieval. 

Teatro romaría viquinga

En 1994, o Concello creou a Semana de Teatro Romaría Viquinga a raíz do contacto con Frederikssund. Co obxectivo de promover principalmente as artes escénicas na vila, creouse o Premio de Teatro Romaría Viquinga, de carácter bienal. Na dramatización da obra, que se realiza ao aire libre no recinto das Torres de Oeste durante a semana previa á romaría, participa unha parte importante da veciñanza.

Proxección internacional

O Concello de Catoira forma parte da Destination Viking Association (DVA) desde 2014. Neste momento é a única vila galega asociada á entidade xestionada e administrada polo Grande Itinerario Cultural dos Viquingos, do Consello de Europa. A DVA comprende máis de 60 organizacións de 16 países que traballan xuntas para promover o patrimonio viquingo e o turismo.

Neste sentido, cabe destacar a participación do Concello de Catoira no proxecto Follow the Vikings (segue os viquingos) que a DVA puxo en marcha en 2015 cunha subvención da Unión Europea de 1,96 millóns de euros mediante o programa cultural Europa Creativa. Tivo unha duración de catro anos,  desde 2015 até 2019.

En declaracións a Nós Diario, o alcalde de Catoira, Xoán Xosé Castaño, manifestou o seu recoñecemento a respecto da celebración da romaría: "este evento ten implicacións moi importantes para Catoira e para Galiza enteira". Neste sentido, o rexedor destacou a proxección internacional que obtivo a romaría desde que naceu como iniciativa dun pequeno grupo de persoas até os últimos anos.

O líder do Goberno municipal sinala a necesidade de dotar esta festa de partidas orzamentarias propias e  independentes da Concellaría de Cultura: "Nós cremos que, pola entidade desta romaría, debe ter un orzamento propio" e transmitiu o compromiso do Executivo de traballar nesta dirección durante a presente lexislatura.

A música é un dos elementos máis importantes da romaría. O acompañamento musical comeza na quinta feira ás 21 horas co concerto do recomendábel dúo Clara Pino & Pablo Vidal. A festa continúa coa ruada de Upsala Medieval, que discorrerá desde a Alameda do Concello até a Praia Fluvial. O papel destacado da música motivou o nacemento do festival Vikinsons en 2007, co fin de enriquecer a axenda cultural. 

Entrada de balde

No marco do Vikinsons actuaron destacados grupos galegos de música folk e rock. Este evento celébrase a sexta feira e o sábado previos ao desembarco na praia fluvial (alameda do peirao). A entrada é de balde.

A programación deste ano inclúe os concertos de Luar na Lubre, e Skáld o día 4, e as actuacións de Bloody Sunrise, Celtas Cortos, Dakidarría, e Lonteira o día 5. O sábado tamén terá lugar a Cea Viquinga, un evento gastronómico no que arredor de 1.000 persoas, coa indumentaria da época medieval, reviven o espírito viquingo degustando produtos da terra.

Comentarios