O CCG deposita obras de Rosalía de Castro na nova biblioteca que leva o seu nome no Brasil

Rosario Álvarez salienta que Galiza está "unida polo mar" e "pola lingua galega e a lingua portuguesa, nacidas ambas as dúas do mesmo touro medieval común".
Rosario Álvarez, na Biblioteca Rosalía de Castro da cidade brasileira de Curitiba. (Foto: CCG)
photo_camera Rosario Álvarez, na Biblioteca Rosalía de Castro da cidade brasileira de Curitiba. (Foto: CCG)

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, asistiu esta terza feira ao acto de nomeamento da Biblioteca Rosalía de Castro, na sede do Instituto de Cervantes de Curitiba (Brasil), e entregou varias obras da autora para a colección, editadas polo propio Consello e mais a Fundación Rosalía de Castro.

No acto, Álvarez agradeceu a decisión de bautizar a biblioteca co nome da autora galega, posto que, "dicir Rosalía é dicir Galiza" e máis aínda no Brasil, país co que Galiza está "unida polo mar" e "pola lingua galega e a lingua portuguesa, nacidas ambas as dúas do mesmo touro medieval común".

Por outra parte, a sala de exposicións da sede cervantina de Curitiba exhibirá até o vindeiro 20 de marzo a mostra Galicia imaxinada nas revistas da emigración, unha antoloxía de revistas e publicacións editadas pola comunidade de emigrantes galegos en América.

Este proxecto, desenvolvido polo CCG e a Xunta, foi exposto por primeira vez en Vigo en 2015 e, desde entón, percorreu varias cidades da Galiza, Brasil e Arxentina co compromiso, salientou a presidenta do Consello na inauguración da exposición esta terza, de "romper a imaxe negativa e pesimista" que existe sobre o fenómeno migratorio.

A mostra conta con publicacións en papel como Céltiga, Suevia, Almanaque Gallego, Eco de Galicia ou Terra Galega, revistas da emigración que influíron na configuración dos símbolos identitarios da Galiza.

"Os símbolos, como a bandeira ou o himno galego; as escolas de americanos, que introduciron a educación na Galiza rural e para as mulleres, ou a modernización tecnolóxica dos fogares constitúen algúns exemplos de como as novas vidas dos emigrados supuxeron un alento renovador", explicou Rosario Álvarez sobre esta exposición comisariada por Chus Martínez Domínguez.

Comentarios