Análise

O concepto líquido da Ribeira Sacra

Xurxo Martínez González é escritor e investigador.
Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto: Farrangallo).
photo_camera Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos, na comarca de Ourense. (Foto: Farrangallo).

Dicíame: vigués. O Morales distinguíame como urbanita metido a ruralita. Ao coñecelo levoume pola súa aldea de Vilachá de Salvadur. Falaba sen contención grazas a unha memoria pericial. Eu, amante das palabras, atendía. "Ves aquil cembón dacolá?". Quixen entender herba ou paxaro. Coa boina calada miroume a fite: "Aló, ho! ". Confeseime. Explicouse sen arrogancia: "Pois… un cembón é iso. Que vai ser?". Aclararíanmo: un cómaro que serve de linde.

Dos labres do Morales anotei os topónimos. Ensinoume a tarefa agrícola en parrafeos sen límite. Souben de lendas, contos, fraseoloxía e moitísimo léxico que gardo coma ouro. Fíxome terra súa.

Aprendín todo canto a vida nos permitiu convivir. A súa morte enraizoume, coa forza da urce, na transmisión pro tamén na humanidade de quen comparte sen pedir nin agardar nada. Este ímpeto debeu en praxe asociativa rural. 

Participación veciñal

Vilachá posúe un elemento único da candidatura á Unesco da Ribeira Sacra as adegas. Varias continúan coa mesma función desde que se fixeron hai un milenio: facer viño. Cantos cartos lle destinou a Xunta? Nada. Cantos a miradoiros estudio de Instagram? Moreas. Así comprenden a necesidade: a quen viven e traballan, nin  un patacón e, devagariño, desmóntannos a sanidade pública.

Ante o esquecemento dende Asociación Veciñal de Vilachá dirixímonos por rexistro á Xunta para colaborar no Consello de Parroquias e Mesa Interdepartamental. Nada.  O Consello convocouse unha soa vez de forma pechada. O desprezo á participación popular foi patente porque crían segura, coma os sabichóns, a vitoria. 
En marzo do 22, por autoconvocatoria, reúnense arredor de 30 asociacións veciñais e comunidades de montes da Ribeira Sacra. Que opinamos? Quen habitan a Ribeira Sacra son vistos cal indíxenas nunha reserva natural mentres a Xunta e adláteres ningunean as solicitudes veciñais.

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra nace en xuño do 22 con máis de medio cento de adhesións: "Darlle voz aos habitantes do territorio".  Solicitou reunión coa Xunta, tras un proceso de escoita con propostas en positivo. Nada, silencio metamorfoseado en desprezo. Véxase o trato a O Sorriso de Daniel sen atender ningún dos seus informes. A soberbia, pecado capital.

A Federación pediu polo patrimonio inmaterial, solicitou sesións informativas sobre cambios lexislativos, reclamou formación paras as comunidades de montes e viticultores, trasladou a necesidade de diálogo… Nada.

A que tanto nobelo e tanta historia? dixo Xohana Torres en poema de valor infinito. Pois iso: tanta altivez para fracasar. O informe negativo de Icomos sinala, entre outras, a escasa participación veciñal. Que nolo digan a nós! A Xunta e acólitos sabíano, e sábeno. Velaí agora a nova xogada.

Lectura política

O pasado 9 de marzo convocan un Consello de Parroquias moderado polo responsable da candidatura, Mario Crecente (ex alto cargo do PP), e Xosé Gago, xestor contratado pola Xunta para explicar "estratexias de participación".

Que pasou? Asistiron 20 persoas, a maioría cargos ligados ao PP. O Sorriso de Daniel ou a Federación non foron convocados; outros fórono mediante telefonazo. Exiguo éxito de convocatoria para quen nunca favoreceron a incorporación veciñal. E disque nos explicarán como participar cal raposo garda das pitas.

O PP solicita aplausos por promesas incertas, servidume por servilismo político, complicidade coa lei do silencio

Na reunión veu a reviravolta argumental: agora a candidatura é a Ribeira Sacra como patrimonio da auga cando no Sil e O Miño aferrollaron os encoros asolagando terras ante a protesta veciñal calada pola represión franquista. Con este xiro o mosteiro de Rocas, noutrora berce da candidatura, queda fóra. Coa cociña lista, veñen pedir que? Explicarnos ao asociacionismo de base como son as "estratexias de participación" para branquear este calote? Fagocitar a federación co abrazo do oso? Rímoslle o chiste? A lectura política non é xa mexar por nós: é cagar por nós.

O PP solicita aplausos por promesas incertas, servidume por servilismo político, complicidade coa lei do silencio… Queren márketing participativo tomándonos por imbéciles. Faranse as vítimas escusando boas intencións, como vendedores de biblias,  mentres, clin-clan do erario público. Cumpría cavilar arredor do propósito político do PP en todo isto.

No enterro do meu sogro Morales lembro, na igrexiña de Vilachá, falar: "Non lle direi aos seus netos que busquen ao avó no ceo; direilles que miren para a terra que el nos deixou para nós continuar". A dúbida sobre como situarse ante unha controversia é lícita pro aprendín a lume onde non me quero situar: aló onde nos piden mirar o ceo namentres trafican coa Terra.

Comentarios