Pontevedra gaña dinamismo coa cultura

O Concello presenta o programa cultural para o vindeiro cuadrimestre
Demetrio Gómez na rolda de prensa desta quinta feira, 7 de setembro.
photo_camera Demetrio Gómez na rolda de prensa desta quinta feira, 7 de setembro.

O concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez presentou na mañá desta quinta feira o "Telescopio da Cultura" correspondente aos meses de setembro, outubro, novembro e decembro, composta por máis de 90 actividades que combinan música, cinema, teatro, poesía, plástica, reflexións sobre temas variados e diferentes combinacións de todas estas posibilidades.

Toda esta programación, segundo Gómez, é posíbel grazas á "colaboración, esforzo, traballo e ilusión" da vintena de entidades coas que traballa o Concello: "a Universidade de Vigo, Manaia, Banda de Música de Salcedo, Sociedade Filharmónica de Pontevedra, Novos Cinemas, Asociación Cultural Os Carballiños, a Fundación Cuña-Casasbellas, a Coordinadora de Corais, Teatro Akatro, Os de Algures e Sete Espadelas son entidades de Pontevedra ou ben que escollen Pontevedra para presentaren as súas actividades”, apuntou.

Na música brillarán os concertos de Silvia Penide,  Mercedes Peón, Rocío Márquez e Bronquío, Lagartija Nick ou Morgan e os ciclos Músicas para reCREAr, os concertos impulsados pola Sociedade Filharmónica de Pontevedra ou os novos espectáculos de Os de Algures, Airiños de Campañó, a Banda de Música de Salcedo ou a Coral Alameda. 

O teatro estará presente cos ciclos Domingos do Principal e Ponteatro, con obras das compañías Periferia Teatro, Sarabela, Amorodio, Diego Anido ou Os Náufragos, entre outros. 

O Teatro Principal acollerá ademais un novo ciclo, a Mostra de Teatro de Barrio. 

O ciclo Guerrilla, que se desenvolverá entre o 29 de setembro e o 8 de outubro; Culturgal, do 30 de novembro ao 3 de decembro; o festival Novos Cinemas, do 12 ao 17 de decembro; as novas edicións do desfile Debut (24 de novembro; a programación do Cineclube Pontevedra ou o XIX Brumario Poético da Fundación Cuña-Casasbellas completan este programa.  

Comentarios