Pontevedra presenta a programación de 'Guerrilla'

A segunda edición  de 'Guerrilla' abordará o fascismo e a censura, entre outros temas. 
Nacho Fungueiriño, Carme Fouces e Mónica Caamaño na presentación (Foto: Concello de Pontevedra).
photo_camera Nacho Fungueiriño, Carme Fouces e Mónica Caamaño na presentación (Foto: Concello de Pontevedra).

O Concello de Pontevedra presentou esta terza feira Guerrila, un festival que pon en valor a cultura como ferramenta para conseguir unha sociedade máis xusta. A iniciativa, iniciada o ano pasado, e tras o éxito da súa primeira edición, volve con novos artistas e conferenciantes. 

Nesta segunda edición abordaranse temas como a censura, o fascismo, a represión franquista, o feminismo e o conflito do Sahara.

As xornadas, impulsadas polo Concello de Pontevedra e Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega, darán comezo o 1 de decembro en Pontevedra cunha programación que se espallará até o día 4 e que, explorando distintas artes, porá en valor loitas sociais históricas que, segundo a mesma organización, "seguen plenamente vixentes a día de hoxe".

Faladoiros e accións  de concienciación

Cada xornada do programa contará cun faladoiro ou acción de concienciación acompañado por un espectáculo comprometido de feche.

O primeiro dia, 1 de decembro, comezará cun faladoiro sobre as mestras represaliadas pola ditadura que se fechará coa obra As Alumnas, centrada nesta mesma temática. O día 2 falarase da censura na música da man de Mini de A Quenlla e Fuxan os Ventos, así como do investigador e escritor Fernando Fernández Rego e o cantante Luís Pastor, moderados pola xornalista Susana Regueira. O propio Luís Pastor fechará o día co seu espectáculo “Grandola de mi Querer”.

Para o sábado 3 de decembro está previsto que o protagonista sexa Pepe Viyuela co seu documental sobre o Sahara Un Viaje Hacia Nosotros e co seu grande espectáculo Encerrona. A obra é unha reflexión sobre o cotián desde a perspectiva do pallaso.

O protagonista vive a experiencia de quedar atrapado nas táboas: cando entra en escena, non sabe onde se está metendo e atópase co público. 

A xornada final do domingo afondará nas problemáticas baixo as que vive o pobo saharuí cun faladoiro con Maite Isla (Sogaps), Montse Prado (Grupo parlamentario do BNG e Paz e Solidariedade polo Sáhara) e Khadyetu Ahmedu (Presidenta da Asociación Galega de Mulleres Saharauís), así como cunha Gala Solidaria de Pallas@s en Rebeldía con Uxía Senlle, Dakidarria, Yslem Hijo del Desierto, Anxela Branco, Isabel Risco e o Colectivo AB.iO.

Comentarios