O Concello de Pontevedra critica a decisión da Academia

O Concello de Pontevedra, do que Filgueira Valverde foi alcalde, non ve conveniente que o Día das Letras Galegas homenaxee un perfil como o escollido o pasado sábado pola Academia. Consideran “profundamente inoportuna” a decisión de dedicar a comemoración a Filgueira Valverde.

Filgueira Valverde
photo_camera Filgueira Valverde

Agardábase a posición oficial do Concello de Pontevedra arredor da conmemoración para o Día das Letras Galegas de 2015 dunha figura de especial presenza na cidade. O portavoz do goberno municipal, Raimundo González (BNG), pronunciouse na mañá da segunda feira en resposta a varias preguntas de xornalistas para afirmar que consideran “profundamente inoportuna” a decisión de que a figura homenaxeada no vindeiro Día das Letras Galegas sexa Filgueira Valverde. As razóns coas que argumentou a súa posición céntranse nos obxectivos e a relevancia da data, en especial para a dinamización e o afortalamento da nosa lingua nunha situación crítica. 

Raimundo González esclareceu que falaba en nome exclusivamente do grupo do BNG, que é quen lidera o goberno municipal.

Segundo defendeu Raimundo González, a escolla non é a idónea do punto de vista de normalización da lingua, obxectivo da conmemoración. Referiuse tamén á dificultade da obra de Filgueira para a súa utilización no ensino e sinalou que no plenario da RAG había sobre a mesa outros nomes con perfil ben máis acaído. “Consideramos profundamente inoportuna a decisión porque o obxectivo do Día das Letras tiña que ser potenciar a normalización nun momento de emerxencia para a nosa lingua. Outras alternativas podían aproveitar ben mellor a forza da xornada para darlle impulso ao galego”, explica Raimundo González. 

Omnipresente en Pontevedra

Filgueira Valverde naceu e morreu en Pontevedra (1906-1996) e, durante a súa vida ocupou distintos cargos de responsabilidade na cidade, desde director do instituto até director  do Museo de Pontevedra, onde estivo até a súa morte. É porén o seu tempo como alcalde da cidade o que máis polémica levantou desde que se coñece a súa escolla por parte da Academia para a conmemoración do vindeiro Día das Letras Galegas do 2015. Malia iso, o portavoz do goberno local non se referiu na súa intervención nin a esta faceta nin ao feito de se homenaxear a unha figura tan vencellada co franquismo. 

No entanto, desde que o sábado se coñece a noticia foron moitas as voces que lembraron que con Filgueira Valverde de alcalde se instalou na ría a fábrica de celulosas que o goberno local insiste en retirar. A contaminación do que, sen dúbida, era un dos principais recursos naturais e turísticos da cidade, con praias que ían desde o barrio da Moureira até Marín, con importantes bancos marisqueiros, nace desa porta que Filgueira abre á que hoxe é Ence-Elnosa, un complexo que marca tamén a historia recente da cidade. A xornada de inauguración documéntase con imaxes do NODO nas que un Filgueira acompañado por Francisco Franco en visita á cidade protagonizan a instalación na ría dunha papeleira que o goberno actual quere eliminar.

Por outra banda, a recuperación da memoria histórica e, de maneira especial da figura de Alexandre Bóveda, tamén veciño da cidade, foi un dos eixos relevantes das actuacións nos distintos gobernos presididos por Fernández Lores. A memoria de Bóveda perseguiu a Filgueira durante toda a súa vida e á acusación de ter abandonado ou mesmo traizoado aos que outrora foran amigos é tamén un dos episodios máis escuros da súa biografía, ben coñecidos na cidade do Lérez. Raimundo González, aliás, optou por se referir só ás razóns da elección e aos obxectivos que debería ter a data, para subliñar que, ao seu ver, Filgueira non sería a figura que o galego precisa. 

Comentarios