Compostela acolle unha mostra antolóxica sobre o pintor Barreiro

A exposición Barreiro. O silencio que chove luz na xanela,  recolle unha selección de pinturas e debuxos de José María Barreiro que renden homenaxe ao pintor de Forcarei, continuador da renovación do vangardismo histórico. 

Barreiro ante unha das súas obras.
photo_camera Barreiro ante unha das súas obras.

A exposición Barreiro. O silencio que chove luz na xanela,  recolle, até o vindeiro 24 de abril de 2024, unha selección de pinturas e debuxos de José María Barreiro que renden homenaxe ao pintor de Forcarei, continuador da renovación do vangardismo histórico. 

A mostra, que se pode ver no Museo Centro Gaiás e que está comisariada por Pilar Corredoira, historiadora da Arte, e Xosé Antón Castro, doutor en Historia da Arte, percorre os distintos lugares da vida de Barreiro -Pontevedra, Madrid, París, Vigo, Buenos Aires e Santa María de Cela- coa pretensión de achegarse ao Barreiro máis íntimo e humano percorrendo os temas da súa obra. 

Barreiro. O silencio que chove luz na xanela quere evocar a actualidade da súa obra, reconsiderando a totalidade do seu proxecto pictórico abarcado dende os seus numerosos temas. Temas que falan de recordos, nus femininos, gaiteiros, músicos e instrumentos musicais (violinistas, acordeonistas, guitarristas) concertos, margaridas, flores de toxo, vaixelas, naturezas mortas…

Debe o seu título a un texto de Lugrís dedicado ao artista, que deixa constancia da importancia que teñen os textos na sala, con poemas de Oroza e escritos de Cunqueiro, Laxeiro e José Hierro. 

Para completar a visión sobre a figura do autor, a exposición conta con varias esculturas e documentos que fan referencia á súa vida e círculo de amizades: Lugrís, Oroza, Laxeiro...  Ademais pódese visionar unha entrevista ao propio artista que narra a súa traxectoria en primeira persoa. 

Barreiro

José María Barreiro (Forcarei, Pontevedra, 1940) é un pintor continuador da renovación do vangardismo histórico. Segue unha liña que vai desde determinadas variábeis da gran tradición da pintura xerada na clásica École de Paris ata unha linguaxe que pon de manifesto na fogueira cromática dos seus cadros. O artista rende culto á cor por riba de todo, esencialmente cálida. 

Barreiro reivindica coa súa obra, dende os seus inicios, o pracer recuperado da pintura, de raíz matissiana e expresionista, referencias que nutrirán o seu proxecto pictórico máis decisivo, o que se consolida a partir dos anos setenta. Segue unha interpretación libre do expresionismo xerado na Galiza.

Na súa iconografía fetiche aparece a simbólica e enigmática xanela, centro de tantas das súas composicións que funde o interior e o exterior dos seus cadros. A xanela convértese nunha identidade que marca o ritmo poético do seu relato pintado, ao que o seu amigo Urbano Lugrís dedica un poema. 

Comentarios