A cociña de Pepe Barro protagoniza o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

O campo Laudas e Manuel Camaño completan este número do semanario
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez o protagonista é o deseñador Pepe Barro e a súa ‘cociña’

Nunha reportaxe feita por Manuel Xestoso, este explica que “Os deseños de Pepe Barro forman xa parte do imaxinario colectivo deste país. O seu traballo constitúe un mapa gráfico e emocional das últimas décadas, e contribuíu en gran medida a xerar os referentes gráficos da Galiza”.

Manuel Camaño

Continúa este número do Sermos cunha entrevista a Manuel Camaño, arquitecto técnico e galeguista no exterior, elaborada por Ricardo Suárez.

" Defensor do idioma e da participación cidadá na vida social. Un noiés cosmopolita que tamén se sentiu parte dos lugares onde viviu. Son moitas as formas de definir Manuel Caamaño e moitas as facetas que destacar dunha vida chea de avatares”, indica Suárez antes da conversa.

Previamente, na páxina de apertura, a escritora Elena Ferro ofrece unha reflexión titulada ‘Saúde mental’.

Memoria pedra a pedra

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Carlos Solla e titúlase ‘O campo Laudas'.

Solla explica que “en Cerdedo, na comarca de Pontevedra, o colectivo Capitán Gosende ergueu un memorial de pedra en honra da veciñanza represaliada polo franquismo. O das Laudas é, desde o ano 2016, un campo en aras da xustiza histórica”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel López Foxo analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Lois Agrelo analiza o disco do Xabarín club. Pola súa parte, Xurxo Souto escribe un artigo titulado ‘A cantiga da conserva’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme O Corno: “A donostiarra compostelá, Jaione Camborda, consegue con O corno o último –que non derradeiro– gran fito histórico para o cinema galego logrando a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián.”, indica Castro.

Ramsés Pérezz ofrécenos un artigo na sección de Ir ás aves e finaliza o semanario un artigo de Carlos L. Bernárdez na sección de arte.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios