CONTRACULTURA

Ciro Briones: "Gústame dicir que utilizo a poesía para xogar e para transformar as cousas"

Ciro Briones vén de ser galardoado co Premio de Poesía do Concello de Carral pola súa obra 'Oídos de espeleóloga', que será publicada na editorial Espiral Maior.
Ciro Briones é ensaísta e poeta. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ciro Briones é ensaísta e poeta. (Foto: Nós Diario)

—Cal foi o xerme de Oídos de espeleóloga?
É un poemario que xa ten dous anos. Despois do primeiro ano da pandemia, eu xa rematara a universidade e decidín pedir unhas prácticas extracurriculares en Polonia, onde fixera o Erasmus. Así, comecei a escribir estes poemas en febreiro de 2021, cando cheguei, e seguín escribindo até o verán pasado. Este é un percorrido un pouco imaxinativo por esa etapa na que eu estaba fóra vivindo. Son outras paisaxes, outra cultura, fíxaste moito na xente coa que compartes cousas e nos camiños que vas percorrendo pola túa conta... 

É un pouco a miña forma de escribir, teño unha imaxe, mental ou real, e vou dándolle forma. Ao final, toda a poesía ten unha parte profunda que, antes que nada, é humana. Aínda que eu reproduza certas imaxes que son creadas ou vistas por min, o que se agocha debaixo é pura humanidade: experiencia, vida, pensamento. A poesía para min é completamente humanista e a experiencia tamén o é. Agora mesmo hai moita xente facendo cousas boísimas e creo que está moi ben que as súas obras teñan difusión. Os premios económicos están moi ben, obviamente, mais eu non quero que se me coñeza por gañalos. O que quero é que se coñeza a miña obra, en todo caso. 

—Unha das cuestións que salientou o xurado, alén do ritmo e a linguaxe, foi a exploración dos espazos da desolación. Había certa sensación de desarraigo?
Pode ser. Cando falo con xente achegada que le algo do que teño escrito sempre digo que, aínda que poida parecer unha poesía desolada, no fondo non o é. Gústame dicir que utilizo a poesía para xogar, coas palabras, coas imaxes, con todo. Transformar as cousas. O que pasa é que nesa linguaxe, no fondo humano do que falaba antes, si hai ese desarraigo e desolación, mais non creo que sexa o que identifica a poesía en si mesma. Digamos que si a identifica no sentido de que está escrita así, é o que se ve, mais creo que ten esas outras cousas que sinalaron desde o xurado. 

Son consciente de que moitas veces se transmite tamén esa escuridade polos títulos. Por exemplo, hai un poema titulado "śmierć"  (morte en polaco) que realmente naceu dun cadro dun pintor que me chamou moitísimo a atención polas súas cores e pola sensación que me deixou. Non quere dicir que eu vaia escribir sobre a morte, digamos que é unha coincidencia un pouco a propósito. 

—Quizais tamén depende de quen mira.
Claro, estamos acostumados culturalmente, neste caso, a ter unha sensación moi concreta a respecto da morte: a tristura, a perda, a desolación, a soidade... Mais creo que algo tan inmenso como a morte ten moitísimas perspectivas e para este poema simplemente buscaba unha sensación diferente á que estamos acostumados. Non digo que eu non a sinta, obviamente, mais creo que é cuestión de miralo desde outro punto de vista. 

—Ten algún novo proxecto entre mans?
Hai uns meses que case non escribo poesía porque supoño que é algo que vai por etapas. Tiven unha etapa de moita produción, tamén porque lía máis. Creo que canto máis les, máis ganas tes de escribir. Outra cousa é o que saia. Agora mesmo tiña na cabeza unha idea en prosa, mais hai libros que non teño aquí, así que quero ir pouco a pouco e sen présas, organizando as lecturas e as pequenas investigacións que quero facer antes. Cando me sinta capaz ou con ganas de facelo poreime. 

Nun premio fixeron unha conversa con algúns dos gañadores e coincidín cun rapaz que dicía que el tomaba a escrita como un traballo, sentándose oito horas ao día a escribir. Eu non son quen porque se non me sae de dentro non ten sentido, mais tamén é certo que até o de agora eu escribín poesía. Cando estiven escribindo Da caverna a acrópole (Universidade de Vigo), como era ensaio e ademais tiña un prazo, si que me forzaba máis e se non me saía escribir utilizaba o tempo para ler ou investigar.  

Comentarios