Cineuropa distingue o documentalista palestino Kamal Aljafari
O Teatro Principal de Compostela acolleu esta terza feira a entrega do Premio Cineuropa ao cineasta palestino Kamal Aljafari. O festival compostelán recoñeceu unha traxectoria de dúas décadas loitando contra o esquecemento a través da imaxe. O seu cinema, como destacou a Nós Diario o director do festival, José Luis Losa, “ofrece unha maneira radicalmente honesta de traballar coa memoria sen recrearse no urxente, propondo unha reflexión complexa sobre o tempo e a identidade dun pobo condenado á invisibilidade”.
A cerimonia incluíu a proxección de With Hasan in Gaza, filme rodado en 2001 pero terminado recentemente, onde Aljafari retrata unha Gaza que hoxe semella irreal. “É unha fortuna poder mostrar este traballo agora —sinala Losa—, nun momento no que o xenocidio e a ocupación fan máis necesario que nunca compartir a súa obra”. O público compostelán respondeu con emoción a un premio que trata de recoñecer o cinema como un mecanismo de existencia, resistencia e lembranza.
Unha programación diversa e comprometida
Cineuropa celebra á súa 39ª edición con 17 días de programación e máis de 140 títulos repartidos entre o Teatro Principal, o Salón Teatro, Numax, o Auditorio da Galiza e a Zona C. Baixo o lema “Saír do outono e da clandestinidade” propón, nas palabras de Losa, “un retorno ás salas como acto político, un exercicio colectivo de liberdade e de resistencia fronte aos discursos do odio”.
Para o director, a esencia de Cineuropa mantense intacta: “Seguimos facendo un festival de festivais, intentando traer o mellor da tempada internacional, pero tamén buscando nas zonas menos obvias, nas óperas primas e nas segundas películas onde se xesta o cinema do futuro”.
A sección oficial, que fai cinco anos, xunta once filmes de novas autoras e autores. Destacan a tailandesa Unha pantasma útil —premiada en Cannes— ou a galego-portuguesa Anoche conquisté Tebas, de Gabriel Azorín. “Non buscamos favoritas, senón un diálogo real entre obras que amosen a diversidade do cinema actual”, sinala Losa.
Tamén compite o documental paraguaio Bajo las banderas, el sol, de Juanjo Pereira, sobre a ditadura de Stroessner, que conta cun pase esta cuarta feira ás 20 horas no cinema Numax, acompañado por unha mesa de debate sobre as ditaduras silenciadas. “Desvela un ditador que viviu na fronte a outras ditaduras máis coñecidas”, di Losa.
Os grandes nomes
O cartel de 2025 confirma o espírito ecléctico dun festival que mestura vangarda e prestixio. Entre as películas máis agardadas figuran La grazia, de Paolo Sorrentino; Sound of Falling, de Mascha Schilinski, Premio do Xurado en Cannes; Father Mother Sister Brother, de Jim Jarmusch, ou Resurrection, de Bi Gan, Premio Especial do Xurado en Cannes e cuxo primeiro pase será esta mesma cuarta feira, ás 19.30 horas no Salón Teatro. Esta quinta feira poderase asistir no Teatro Principal a O axente secreto, de Kleber Mendonça Filho, premiada coa Mellor Dirección e Mellor Actor (Wagner Moura) no Festival de Cannes. O filme brasileiro foi definido por Losa como “a mellor película do ano, unha desromantización radical do revolucionario profesional”.
O apartado documental ofrece algunhas das propostas máis políticas da edición. Ademais de Bajo las banderas, el sol, proxéctase A fidai film, do propio Aljafari, e 360 curvas, de Alejando Gándara e Ariadna Silva, sobre as mobilizacións na Fonsagrada nos anos noventa. “O documental é o territorio onde o noso ADN político é máis visíbel”, afirma o director do certame.
Cineuropa mantén unha atención constante ao cinema galego, que vive un momento de plenitude. A clausura, o 23 de novembro, contará coa estrea de Así chegou a noite, de Ángel Santos, un dos nomes centrais da xeración do Novo Cinema Galego. Losa lembra a estrea no 2008 dunha das súas primeiras curtas, O cazador, e asegura: “Hoxe é un cineasta esencial”.
Tamén se proxectan Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, premiada en Documenta Madrid e Play-Doc, ou o documental O silencio herdado, de Lucía Dapena.
Amor, cinema e público
“Cineuropa é un acto de comunidade”, resume Losa. “Hai un público fiel e outro máis novo que queremos conquistar, para que descubran o pracer de ver cine en versión orixinal e en pantalla grande”.
Nesta edición, as pantallas compostelás acollen títulos de máis de trinta países, desde Iraq até Tailandia, pasando por Brasil, Francia ou China. Son 141 películas que, como escribiu o propio Losa, “queren ser a tesela dun mosaico de culturas, linguas e emocións, un discurso coral da arte que nos axude a comprender o presente e o porvir”.
O festival cinematográfico continuará a encher a cidade Compostela de filmes, amor e memoria até o 23 de novembro, cando se entreguen os premios da sección competitiva e se feche a edición coa estrea de Así chegou a noite, para “saír do outono e da clandestinidade”.
A forza dos afectos: As seccións paralelas: melodrama e premios
Este ano, o ciclo “As cousas do querer”, inspirado na diversidade dos afectos, reivindica o amor como forza política. “Nun tempo no que os discursos do odio pretenden impornos o cinismo —falar de amor, de solidariedade e de empatía é tamén un xesto revolucionario”, asevera Losa. Estas sesións permiten recuperar grandes títulos de cineastas tan diversas como Brian de Palma, Chantal Akerman, Tom Ford ou Agnès Varda.
Ademais, o festival dedica un ciclo retrospectivo a Faye Dunaway, icona do Novo Hollywood e símbolo de independencia feminina nunha industria dominada por homes. As súas películas —de Bonnie and Clyde a Network— compoñen o retrato dunha actriz “triturada polo patriarcado tras conquistar unha década”, como sinala José Luis Losa.
Por outra parte, xunto a Aljafari, o festival recoñece con Premio Cineuropa Jaione Camborda e Jonás Trueba. A primeira, voz clave do Novo Cinema Galego e gañadora da Cuncha de Ouro en San Sebastián por O corno, representa para Losa “unha autora que posúe un cosmos cinematográfico propio, tan persoal como radicalmente honesto”. Trueba, pola súa parte, simboliza “o valor dun cine íntimo e colectivo, comprometido coa palabra e co paso do tempo”.

