O cinema “freak” como canteira de espectadores

O Galician Freaky Film organiza unha “mesa cadrada” de festivais de xénero. A acollida deste festival, que só ten tres anos de traxectoria, amosa que hai público para este tipo de eventos.
freaky
photo_camera Pola esquerda, Juan de Castro, do Galician Freaky, Iván Patiño, do FanCine e Tonecho Otero, do FKM. (Foto: Galician Freaky)

Un festival quizais menos “intelectual” pero especialmente axeitado para comungar coa “personalidade viguesa”: o “gamberro”, o “macarra”, o “punk”... Así definiu Juan de Castro o Galician Freaky Film Festival, que vén de rematar na cidade máis poboada do país tras exhibir máis de 60 curtas, con dúas estreas mundiais,13 filmes inéditos no Estado e 31 estreas en Galiza.

A acollida da programación do Galician Freaky, con só tres anos de traxectoria -no 2019 xa xuntara 1000 persoas- demostra que hai un público para os festivais de cinema de xénero. E así se constatou tamén na Mesa Cadrada organizada polo Galician Freaky, na que, ademais do seu director, participaron Iván Patiño, do FanCine de Lemos, Tonecho Otero, do Festival Internacional de Cinema Fantástico da Coruña (FMK) e Luis M. Rosales, do Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía. 

O FanCine de Lemos non puido celebrarse este ano a causa da covid mais, malia que a relación co espectador cambiou -os festivais están adaptándose á situación facendo on line boa parte da súa programación-, está claro, segundo Iván Patiño, que xuntarse fisicamente segue a ser “máis necesario ca nunca”. No 2019, o Festival de Cine Fantástico e de Terror de Monforte proxectara na súa sección oficial 20 curtas e catro longametraxes. O Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía vén de pechar a súa 48ª edición, na que acolleu medio cento de estreas, 31 na Galiza, 17 no Estado e dúas internacionais. “A nosa intención é continuar a facer un festival o mellor que poidamos”, comentaba Luis M. Rosales na Mesa Cadrada do Galician Freaky, á que asistiu virtualmente.

O FanCine conta cun público de todas as idades, asegurou Iván Patiño. Ao arraigamento local contribuíu o proxecto didáctico que inclúe o festival, ademais de exposicións ou relatorios. “Os rapaces dos colexios de Monforte fan a súa curta, que ao final veñen ver cos pais e cos avós”, lembrou Patiño. No caso do Galician Freaky, o público, sendo “moi fiel”, non é tan familiar, concentrándose máis en espectadores de 30 a 50 anos. Atraer xente máis nova é “unha materia pendente”, segundo Juan de Castro.
Ademais de contar coa vantaxe da súa veteranía, o Curtas, Festival do Imaxinario de Vilagarcía creou tamén o seu propio público cunha extensísima e variada programación con relatorios, encontros con artistas, obradoiros, teatro, presentacións de libros, concursos e exposicións.

“Fomos quen de vincular a cidadanía, si”, sinalou Luis M. Rosales, pensando tamén a súa programación para distintos tipos de público, “adulto” e “máis novo”, e sendo o familiar “esencial”. Os filmes de animación, por exemplo -indicou- axudan a atraer a mocidade. Tamén o FKM procurou ter “distintos enfoques” para distintos tipos de público, comezando cun público máis puramente “freaky” para despois amplialo con “seccións novas”, parte das cales atraen a “familias”, segundo Tonecho Otero. 

O FKM, especializado en cinema fantástico, ciencia ficción e terror, contén tamén, ademais das proxeccións, concertos, exposicións, relatorios, obradoiros e seminarios. E, como o resto dos festivais, actúa como punto de encontro entre a creación cinematográfica galega e mundial. O FKM conta cunha sección competitiva de curtas non profesionais feitas na Galiza e en galego, dirixida ás escolas de audiovisual do país. 

“Procuramos manter a identidade, que se saiba que somos un festival galego”, apuntou Tonecho Otero. O FanCine de Lemos ten unha vocación máis local, aínda que proxecta coma o resto dos festivais cinema internacional -no 2019 incluíu cinco curtas galegas na súa sección oficial-. Desde o Galician Freaky decidiron, porén, segundo de Castro, tras unha primeira edición centrada nas producións galegas, que a mellor maneira de visibilizar o cinema galego era “poñelo ao mesmo nivel” que o resto, sen unha sección específica. 

Unha maior “internacionalización” é, porén, tanto no FanCine como no Galician Freaky, un asunto “pendente”, segundo os seus responsables. O Curtas de Vilagarcía contaba este ano con convidados de fóra que non puideron vir ante as circunstancias, e ademais traballa na creación de intercambios con festivais latinoamericanos. Os catro representantes dos festivais de xénero galegos concordaron, de feito, en sinalar a necesidade de crear sinerxías, de compartir experiencias, materiais e contidos para sumar forzas.  

Comentarios