Contracultura

Chus Villar: "Estar nas feiras de arte paga moito a pena, mais supón un esforzo económico importante"

Chus Villar, historiadora da arte, é a directora da Galería Nordés (Santiago), que vén de estar presente en Arco, a feira de arte contemporánea de Madrid, como a única galería galega cun stand propio. Villar fai unha valoración desta edición así como dos logros conseguidos por varios dos artistas que a galería representa xa que, como ela di, “é unha cuestión recíproca na que o éxito dunha das partes é o éxito da outra”.
A historiadora da arte Chus Villar (Foto: Nós Diario).
photo_camera A historiadora da arte Chus Villar (Foto: Nós Diario).

Que valoración fan da súa presenza na feira de Arco 2023 que vén de rematar?

O certo é que estamos moi satisfeitas. Foi unha moi boa edición, houbo moita afluencia de público profesional e tamén interese por parte das institucións e gustou moito o noso stand. De feito, dous dos artistas que representamos tamén tiveron presenza no premio da feira, polo que non podemos estar máis contentas. 

O primeiro día, que foi exclusivo para coleccionistas, xa comezou sendo bastante positivo e é algo que se mantivo ao longo das xornadas. Este ano vimos que a feira foi máis grande, houbo máis artistas que en pasadas edicións, tamén é certo que foi o primeiro ano en que recuperamos a normalidade desde a pandemia, porque o ano pasado aínda non estaba ao 100%, e é algo que se nota. 

Eses premios son importantes para os artistas, mais tamén para a galería, non?

Efectivamente. Facemos unha aposta grande por eles, que leva consigo un grande esforzo á hora de comunicar os seus proxectos, montalos e mostralos ao público, asesoralos na súa traxectoria... É unha cuestión recíproca na que o éxito dunha das partes é o éxito da outra. Neste caso, Miguel Marina foi finalista do Premio illy SustainArt, que é un galardón para artistas emerxentes de menos de 40 anos pensado para darlles visibilidade e experiencia a 
nivel internacional. 

Por outra parte, Alberto Odériz gañou o Premio Cervezas Alhambra de Arte Emerxente, que é outro premio moi prestixioso dos que se outorgan na feira de Arco. É un xurado moi importante e xa só ser finalista é un orgullo, posto que hai artistas excelentes. Ademais, unha condición para que poidan acceder a estes premios é ter unha galería que os represente na feira, polo que tamén é un orgullo para nós. 

Esta é a segunda edición consecutiva na que Nordés é a única galería galega en Arco. Cales poden ser os motivos?

Non sabería dicilo e ademais creo que tampouco me corresponde a min dicilo. Para comezar, non somos moitas galerías. Aliás, hai un comité de selección que ten en conta tanto o proxecto de programación da galería e a selección de artistas que fai así como outras feiras e actividades ás que asista e a presenza en prensa. Por suposto, tamén se ten en conta o propio proxecto que se presenta para a feira. Son moitas cousas.

Hai algúns anos é certo que había máis galerías, mais algunhas das que participaban antes agora xa non existen, outras deixaron de ser seleccionadas, outras nunca conseguiron acceder á feira... E por outra parte tamén hai galerías que teñen presenza noutras feiras internacionais, inclusive diría das máis importantes, e quizais deixaron de estar aquí porque preferiron optar por outras opcións.

Estar nunha feira como Arco é súper importante para nós como galería; estar nas feiras en xeral paga moito a pena por dar visibilidade aos artistas noutro contexto, facer contactos, que sucedan cousas, mais non deixa de ser un esforzo económico importante.

Cales son os próximos pasos?

Temos exposicións constantemente na galería, cada mes e medio aproximadamente hai unha nova mostra. Agora que acabamos de chegar da feira imos rematar coa exposición actual, a primeira da artista Chelo Matesanz que foi a última en entrar na nosa nómina. Nuns meses temos pensado acudir a algunha que outra feira.

Polo de agora tampouco estamos pensando en incorporar máis artistas á nosa nómina de representación posto que preferimos que sexa algo limitado. Non nos interesa traballar con tantas persoas que faga que sexa complicado mostrar os seus proxectos ou levalos as feiras polo que, aínda que nun futuro poida entrar algunha persoa máis, vai ser un proceso lento.

Comentarios